sexta-feira, 27 de novembro de 2026

Só 3,4% das resolucións xudiciais está en galego e tres profesionais asinan case o 75% da documentación na nosa lingua

Un informe do Consello da Cultura Galega constata que o uso do idioma nos órganos colexiados depende dun grupo moi reducido de persoas. A institución reclama ferramentas informáticas, recursos documentais e un servizo estábel de normalización lingüística, unha medida que non recolle o novo plan aprobado pola Xunta. 

Xesús Palmou, Dolores Vilavedra e Xaquín Monteagudo, este 20 de novembro en Compostela. 

Só o 3,4% das resolucións xudiciais analizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG) está en galego. O dato procede dun estudo de preto de 555.000 documentos publicados entre 1990 e 2025 no Centro de Documentación Xudicial (Cendoj). A análise abrangue órganos colexiados con sede na Galiza, polo que non permite medir de forma exhaustiva todos os usos lingüísticos na Administración de xustiza.

O informe, presentado esta sexta feira baixo o título O galego nas resolucións xudiciais. Análise do fondo documental do CENDOJ (1990-2025), conclúe que as melloras e oscilacións das últimas décadas non se traduciron nunha expansión sostida do idioma. A súa continuidade depende, en boa medida, da iniciativa dun número reducido de profesionais.  A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, explicou que o traballo busca obter información para identificar os problemas e impulsar medidas que permitan corrixilos. Elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, o estudo forma parte da liña de actuación derivada do foro "Un país coa súa lingua", que incluíu propostas específicas para o ámbito xudicial.

Tres persoas concentran 74,6% dos textos en galego 

Entre 1997 e 2025, o informe identifica 86 relatoras e relatores que asinaron algunha resolución en galego. Porén, só tres persoas concentran 74,6% da documentación nesta lingua e as dez primeiras reúnen 93,6%. 

Esta concentración fai que o uso do galego sexa especialmente vulnerábel aos cambios de destino ou ás variacións na actividade profesional. O estudo sinala que o descenso recente das resolucións civís en galego coincide coa interrupción da produción nesta lingua dun dos relatores.

Na Sala do Social, a dependencia individual é igualmente visíbel: todas as resolucións publicadas en galego en 2025 corresponden a un único profesional. O informe reclama estruturas que permitan dar continuidade ao traballo no idioma, sen que cada relevo de persoal poida comprometer os avances.

O máximo de 2025 oculta evolucións desiguais

O ano 2025 marca o máximo da serie, con 1.178 resolucións en galego, 4,85% do total. Mais o incremento non é homoxéneo nin permite afirmar que exista unha extensión xeral do seu uso.

A xurisdición contencioso-administrativa alcanza 14,8%, mentres a social incorpora 276 resolucións nesta lingua. Pola contra, na xurisdición civil rexístrase un retroceso acusado: a porcentaxe cae de 3,3% en 2021 a 0,2% en 2025.

Tamén hai diferenzas entre órganos. As audiencias provinciais e a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza concentran case o 98% das resolucións en galego dos órganos colexiados.

A Audiencia Provincial de Pontevedra achega o 62% da documentación nesta lingua. O CCG advirte de que estas diferenzas están condicionadas pola localización e composición dos órganos xudiciais e non poden interpretarse como un reflexo directo do uso social do idioma nos respectivos territorios. 

Un servizo de normalización ausente do novo plan 

Entre as eivas detectadas figuran a falta de aplicacións de xestión procesual plenamente operativas en galego, a escaseza de modelos documentais e recursos terminolóxicos e a ausencia dun servizo estábel de apoio e normalización lingüística na Administración de xustiza. 

Esta última demanda xa figuraba no documento final do foro "Un país coa súa lingua", mais, segundo sinala o informe, non foi incorporada ao Plan xeral de normalización lingüística recentemente aprobado. 

O estudo propón que ese servizo estea coordinado desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e proporcione tradución, revisión e asesoramento. Tamén recomenda actualizar os modelos documentais, desenvolver ferramentas terminolóxicas e garantir que as aplicacións permitan traballar integramente en galego. 

Outra das propostas é crear órganos xudiciais piloto para avaliar estas medidas e asegurar a continuidade do uso do idioma nos cambios de destino e nos relevos de persoal. 

Garantir a lingua escollida pola cidadanía 

O CCG reclama reforzar os dereitos lingüísticos das persoas que participan nos procedementos. Para iso, propón preguntar pola lingua habitual antes do seu inicio e garantir que a elección se manteña nas comunicacións e notificacións. 

Tamén recomenda incorporar ao Cendoj as traducións ao galego notificadas ás partes, xunto coa versión orixinal. Esta medida permitiría coñecer unha actividade que non sempre queda reflectida no fondo documental analizado. 

O informe defende, ademais, un seguimento periódico con indicadores sobre a distribución das resolucións por órganos e xurisdicións e sobre o número de profesionais que as elaboran. A colaboración coas administracións responsábeis da xustiza e coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza permitiría ampliar a información aos órganos unipersoais e obter unha diagnose máis completa. 

"Os que facemos xustiza en galego somos activistas" 

Na presentación dos resultados do informe participou o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo, que resumiu as dificultades para desenvolver o traballo cotián no idioma: "Os que facemos xustiza en galego somos activistas e levamos anos reclamando unha mellora nas aplicacións informáticas para que poidamos funcionar en galego". 

Pola súa parte, Xesús Palmou, académico da Academia Galega de Xurisprudencia e representante desta entidade no Plenario do CCG, reclamou que se exixa o coñecemento do galego ao persoal funcionario de xustiza. Coincidiu tamén na necesidade de mellorar as ferramentas informáticas. 

Ambos expresaron certo optimismo pola implantación do novo programa de xustiza Atenea, que conta cunha versión bilingüe. Segundo indicaron na presentación, está previsto que estea plenamente operativo o vindeiro 28 de febreiro.

 

[Foto: Arxina - fonte: www.nosdiario.gal]

 

Sem comentários:

Enviar um comentário