Entre o 14 e o 19 de outubro a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrou as xornadas ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ nas tres universidades de galegas. O ciclo contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios. Falamos con Valentín García Gómez, secretario xeral da lingua, quen fai balance destas xornadas e explica porque é importante achegarlle ao estudantado os retos dos medios en galego.
Escrito por Tamara Novoa
—Como
encaixan estas xornadas no traballo que se está a facer para reforzar o uso do
galego no ámbito da comunicación?
A divulgación permite
achegar coñecemento fundamentalmente a persoas que están en período de
formación e que moi pronto serán profesionais da comunicación. Primeiro, sobre
os medios galegos que existen, porque unha das cousas que sorprende é o seu
número; e, despois, sobre as posibilidades, fortalezas e tamén debilidades que
presenta todo o sistema comunicativo galego. Todo isto está marcado polo ámbito
da comunicación tal e como aparece no Plan Xeral de Normalización Lingüística.
Trátase de incidir no sector o antes posible, desde o propio momento da
formación, e de conseguir que o galego estea presente entre as persoas que
estudan nas facultades de Ciencias da Comunicación.
—Que papel ten o estudantado na renovación dos medios de comunicación e da propia lingua galega?
—E, á inversa, que papel
poden ter os medios e os novos formatos dixitais na normalización da lingua e
na creación de novos públicos?
Vivimos nunha sociedade na que a información flúe cada vez en maior cantidade e con máis rapidez, a través de formatos que hai anos nin sequera podiamos imaxinar. A vantaxe para o galego é clara: pode xogar en igualdade de condicións coas grandes linguas do mundo en canto ás posibilidades que ofrecen estes formatos. Outra cousa é a realidade dunha lingua minoritaria, que non alcanza o mesmo volume de información que xeran outras linguas. Ademais, vivimos nunha sociedade cada vez máis global. Antes, no noso caso, accediamos á información fundamentalmente en galego e castelán; agora hai moitas máis linguas actuando no noso hábitat informativo. Todo isto hai que analizalo desde as súas fortalezas e tamén desde as súas debilidades.
—Como definiría o
estado de saúde actual da comunicación en galego?
Creo que estamos
nun momento histórico. Nunca houbo tantos medios de comunicación en galego.
Falabamos estes días dun reconto duns cincuenta socios de AMEGA e arredor de
cen medios máis que están emitindo, escribindo ou traballando en galego todos
os días. É unha cifra importante para un país de 2,7 millóns de habitantes. O
problema é que faltaría comparalos cos medios que non están en galego, e aí a
diferenza seguramente sería enorme. Ao final, o asunto é tamén unha cuestión de
opción por parte das persoas que lemos, nos informamos ou falamos.
A lingua é unha
opción que, como outras decisións da vida, está condicionada polas
circunstancias que nos rodean. Por iso este momento da formación é clave: é
cando se conxugan moitos deses valores e circunstancias antes de tomar
determinadas opcións. Esa elección será sempre persoal, lexítima e autónoma,
pero é importante que a xente vexa que existe a posibilidade de facer
comunicación tamén en galego dentro dun sistema informativo que está cambiando
a pasos axigantados.
—Cal é hoxe o principal reto
ao que se enfronta a lingua galega?
Colocarse nesas grandes
canles de comunicación e ocupar ese espazo. É, sobre todo, un reto de conseguir
usuarios. Hoxe pódese calcular practicamente todo: o número de usuarios, os likes, as descargas, cantas persoas abren unha
noticia ou canto tempo dedican a lela. Todo isto ten unha lectura comercial.
Aquilo que resulta útil ou rendible para as empresas de comunicación, públicas
ou privadas, tende a medrar. Pola contra, aquilo que non se usa, non se ve, non
se le ou non se escoita corre o risco de quedar reducido ao ámbito
administrativo, académico ou docente, sen unha plasmación real na sociedade. Por
iso creo que o gran reto segue sendo gañar usuarios desde a convicción e
explicar a importancia de optar polos medios en galego. Eses medios medrarán na
medida en que quen os edita, elabora ou produce vexa que teñen lectores,
usuarios ou espectadores e que a información chega ao seu destino final.
—Que
lle gustaría que saíse destas xornadas, tanto para o estudantado como para o
futuro da comunicación en galego?
Que saíse o xermolo
de profesionais en galego ou, cando menos, de profesionais que teñan sempre o
galego como unha opción. Que, cando traballen con empresas de comunicación,
publicidade ou marketing, vexan o galego como unha posibilidade real. O que me
gustaría é que vexan o galego como unha posibilidade de traballo e de
incorporación ao mercado laboral. Evidentemente ten algunhas limitacións, pero
tamén ofrece posibilidades, confianza e identidade, factores que son moi
difíciles de atopar nas linguas maioritarias.
O ciclo ‘Os medios galegos do
futuro comezan nas aulas’ conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da
Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, do Consello da
Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Colexio Profesional de Xornalistas
de Galicia e das tres universidades galegas.
[Foto: Paula Cermeño
- fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário