O PSC, Junts, ERC e a Intersindical cargan contra a proposta electoral do PP cara ás eleccións do 29 de novembro.
Alberto Núñez Feixoo esta segunda feira co seu 'contrato por España'.
Escrito
por Alexandre Solano / Vilaweb - A.L.
O líder do
PP no Estado, Alberto Núñez Feixoo, prometeu erradicar calquera tipo de “adoutrinamento”
nas aulas e garantir o ensino do castelán en todo o Estado español se chega á
Moncloa. Anunciouno durante a presentación do Contrato con
España, un documento cos compromisos que quere asumir se gaña as eleccións
estatais do 29 de novembro. A proposta desencadeou unha chuvia de críticas en
Catalunya polo posíbel
impacto sobre o modelo de inmersión lingüística.
O presidente da Generalitat, Salvador Illa, foi un dos primeiros en
reaccionar. “A lingua catalá non se toca”, advertiu durante
unha reunión coas delegadas e os delegados do Goberno no exterior. Illa
reprochoulle ao PP que considere as linguas “armas de división e
confrontación”, en lugar de pontes de entendemento e elementos de riqueza.
A portavoz de Junts no Congreso español, Míriam Nogueras, acusou Feixoo e o dirixente de Vox, Santiago Abascal, de usaren a inmersión lingüística como “moeda de cambio” en plena precampaña electoral. Nogueras reivindicou que Junts utilizara a súa forza en Madrid para frear imposicións contra Catalunya e criticou que os 19 deputados do PSC no Congreso non actuasen da mesma maneira: “Agora cómpre exixirlles isto mesmo: feitos e non propaganda”.
Pola súa parte, a secretaria xeral de ERC, Elisenda Alamany, aproveitou a polémica para acusar Junts de manter
unha actitude “equidistante” diante dos ataques do PP ao catalán. “Fronte aos reaccionarios que ameazan
a lingua, non podes ser o do medio”, dixo nunha conferencia de prensa. Alamany
fixo referencia á reivindicación de Junts de seren “os do medio” e alertou de
que non se podía manter unha posición ambigua diante destas ameazas. A respecto
diso, defendeu que ERC debía encabezar a defensa da lingua catalá no Congreso
español.
A
Intersindical tamén criticou as declaracións de Feixoo e acusouno
de querer contentar a extrema dereita asumindo o seu programa
contra a escola catalá. O portavoz de Educación do sindicato, Marc Martorell,
denunciou que o PP asumía os postulados máis agresivos da ultradereita e
confiaba en que o Tribunal Constitucional español derrubase o marco normativo aprobado
polo Parlamento. O sindicato defendeu a inmersión lingüística como o único
modelo que garante que todo o alumnado domine plenamente o catalán e o castelán
ao final do ensino obrigatorio.
O
presidente de Òmnium Cultural, Xavier Antich, asegurou
que a entidade “non permitirá” que ningún Goberno nin tribunal español “acabe
co modelo de escola catalá”. Nunha mensaxe na rede social X, Antich
advirte de que “se intentan atacar o catalán, atoparannos diante, a Òmnium e a
todo o país”.
Reaccións desde a Galiza
"Feixoo asina un 'Contrato con España'. Os máis vellos do lugar lembramos que en 2009 asinou un 'Contrato con Galiza'. Spoiler: Non cumpriu nada. Claro que aquí, moitos puntos mellor que non os cumpra, que xa nin teña a oportunidade de intentalo", defendeu, pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Os compromisos electorais de Feixoo
A proposta sobre o ensino forma parte do Contrato con España, o documento co que Feixoo presentou as principais promesas electorais do PP. Entre estas medidas están a construción de, como mínimo, un millón de vivendas, a redución de impostos, o endurecemento da política migratoria, o reforzo da sanidade pública e a revalorización das pensións de acordo co IPC.
Feixoo rematou o
acto coa sinatura simbólica do documento e a promesa de cumprir os compromisos
se chega á Presidencia do Goberno español. “Non vos fallarei”, sentenciou.
[Foto: Gabriel Luengas / Europa Pres - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário