terça-feira, 15 de setembro de 2026

Unha ONG israelí denuncia o «proxecto de eliminación» de Cisxordania do Goberno de Netanyahu

B'Tselem vén de publicar un informe onde detalla os plan do Goberno de Israel para "desmantelar" as bases da existencia palestina en Cisxordania.

Forzas israelís protexen a incursión de colonos na Cidade Vella de Hebrón, ao sur de Cisxordania o pasado mes de agosto.

A ONG israelí B'Tselem deu a coñecer esta segunda feira o informe O proxecto de eliminación, un texto no que precisa o suposto plan de Israel para "desmantelar os cimentos" da existencia palestina en Cisxordania co fin de volvela "cada vez máis fragmentada, vulnerábel e dependente". O obxectivo do Goberno de Netanyahu, afirma a entidade, é "reorganizar o espazo e as condicións de vida nel para que o control israelí e a presenza xudía se convertan en algo contiguo, institucionalizado e permanente". 

B'Tselem asegura que as políticas de Israel para "socavar a existencia palestina" existen desde 1967, mais recruaron a partir de 2022 coa chegada ao poder de Benjamin Netanyahu, apoiado no seu goberno olas faccións máis duras da ultradereita nacionalista.

Segundo recolle o informe da organización non gobernamental, actividades básicas da vida cotiá atópanse baixo control israelí "ou son completamente denegadas". Así, 3,5 millóns de persoas palestinas de Cisxordania enfróntanse a unha tripla realidade: vivir baixo o dominio israelí, abandonar o seu territorio ou soportar unha "represión violenta" en caso de amosar resistencia.

Un plan de cinco puntos

O informe detalla como se aplica o "mecanismo israelí de eliminación" palestina a través de cinco epígrafes tituladas: violencia e intimidación, restricións de movemento, estrangulamento económico, destrución sociopolítica e limpeza étnica e apropiación territorial. Cinco áreas que non operan por separado, senón de forma coordinada e "interconectada".

O documento presentado por B'Tselem en Xerusalén esta segunda feira tamén presta atención á situación na Faixa de Gaza, exemplo da "lóxica de eliminación" que o Goberno israelí mantén desde hai décadas. É o lugar onde o "proxecto de eliminación" alcanza a súa "forma máis extrema", con matanzas diarias e masivas acompañadas dunha destrución violenta do contorno que o "público israelí" xa "normalizou" até o punto de considerar os ataques continuados "violencia lexítima contra os palestinos", aseguraron.

"As violacións aquí descritas están financiadas, protexidas e integradas na política estatal israelí e lévanse a cabo dentro dun sistema de ampla impunidade", sinalou a directora da ONG, Yuli Novak, que chamou á comunidade internacional a actuar con accións, non declaracións.

O relato da "eliminación"

O proxecto de eliminación elaborouse a partir do testemuño de 2.000 persoas residentes en Cisxordania ao longo dos últimos tres anos. As súas achegas confirman o abismo ente as vivencias dos colonos, a poboación xudía que vive en asentamentos suxeitos a lexislación civil e con plenos dereitos políticos, e da Palestina, permanentemente "baixo réxime militar", malia habitar o seu propio territorio.

Para B'Tselem, o plan israelí favorece a expansión dos asentamentos xudeus e o control das terras e os recursos pola súa parte, desposuíndo os palestinos das súa propiedades e dotando estes procesos de garantías legais.

Segundo B'Tselem, desde 1967 Israel apoderouse de máis de 200.000 hectáreas –máis dun terzo de Cisxordania– mediante unha serie de mecanismos legais, urbanísticos e administrativos, como as declaracións de terras estatais, zonas militares fechadas, reservas naturais ou o estabelecemento de asentamentos.

A organización tamén destaca no seu informe que a violencia en Cisxordania funciona como un "mecanismo central de control, desprazamento e desmantelamento", pois "restrinxe a marxe de acción dos palestinos". 

 

[Foto: Europa Press / Contacto / Mosab Shawer - fonte: www.nosdiario.gal]

 

Sem comentários:

Enviar um comentário