As sondaxes indican que Lula da Silva parte con vantaxe, aínda que pequena, na primeira volta das presidenciais do Brasil. Con todo, nunha segunda volta, as mesmas enquisas sinalan que existe un empate técnico. Todo apunta que serán uns comicios disputados, e o resultado terá eco en todo o mundo.
![]() |
O presidente do Brasil e candidato do PT, Luiz Inácio Lula da Silva (Foto: Leandro Chemalle / Zuma Press / Europa Press) e o candidato do PL, Flávio Bolsonaro. (Foto: Leandro Chemalle / TheNEWS2 via ZU / DPA)
Escrito por Ricardo Suárez
As sondaxes prognostican unha vitoria con marxe en primeira volta para Luiz Inácio Lula da Silva, do Partido dos Trabalhadores (PT), nas presidenciais do Brasil que decorrerán este domingo 4 de outubro. Con todo, a vantaxe non semella ser suficiente para evitar unha segunda volta, e aquí é onde se complican as cousas para o mandatario brasileiro.
A última enquisa publicada por Quaest outorga 39% dos apoios a Lula, cinco puntos por diante do seu rival do Partido Liberal (PL), Flávio Bolsonaro, con 34%. Non semella que o resto de candidaturas teñan opcións de competir, ao non chegar ao 5% ningunha delas nesta sondaxe.
Mais para gañar en primeira volta é preciso alcanzar máis da metade dos votos válidos, ou o que é o mesmo, superar o 50% dos apoios –sobre os votos válidos, a diferenza das enquisas, que inclúen tamén os votos nulos, en branco e os indecisos–. Vencer sen ir á balotaxe é algo que Lula se marca como obxectivo, mais semella moi complicado. En segunda volta, o escenario nesta sondaxe é moito menos claro, cun empate perfecto entre as candidaturas do PT e do PL.
A enquisa de Quaest augura un empate a 42% dos apoios en segunda volta, polo que o 25 de outubro podería haber unha noite de infarto no Brasil para decidir o rumbo do país, nun resultado que tamén terá verdadeiras implicacións a nivel internacional.
Aínda que con diferenzas, o escenario é moi similar na sondaxe de BTG/Nexus, tamén publicada esta segunda feira. Esta outorga a Lula tres puntos máis que a de Quaest en primeira volta (42%), e tres puntos máis a Bolsonaro (37%).
Na segunda volta, BTG/Nexus debuxa un escenario igual de axustado, cun empate técnico. Desta maneira, segundo o prognóstico desta sondaxe, Lula obtería o 46% dos apoios e Bolsonaro o 44%, nunha vantaxe para o actual presidente brasileiro que se atopa xusto dentro da marxe de erro de dous puntos.
Volvendo á primeira volta, o máis interesante do traballo demoscópico de BTG/Nexus é que inclúe unha estimación sobre voto válido. Así, contando só os este, como fai o Tribunal Superior Eleitoral, Lula chegaría ao 44%, aínda lonxe do 50% necesario para evitar a segunda volta, e Bolsonaro alcanzaría o 39%.
Batalla no Tribunal Superior Eleitoral
Nun contexto de máxima igualdade, estase a desencadear unha inédita guerra xudicial con máis de 450 accións interpostas no Tribunal Superior Eleitoral. Trátase, na súa maioría, de denuncias dos principais candidatos ao Palacio do Planalto por ataques dos seus opoñentes, uso da intelixencia artificial, dúbidas sobre pezas publicitarias e mesmo por declaracións públicas.
O PT interpuxo polo menos 256 accións contra os seus opoñentes, mentres que foi denunciado en polo menos 198 ocasións por outras formacións políticas, case a metade por parte do PL. Desta maneira, a candidatura de Bolsonaro realizou máis de 90 reclamacións contra a de Lula, o que supón 73% das súas queixas legais durante esta campaña.
A relación co banqueiro Daniel Vorcaro é unha das cuestións máis atacadas da campaña de Flávio Bolsonaro. Segundo as denuncias, o candidato do PL recibiría diñeiro do polémico empresario para financiar a película do seu pai, o ex presidente Jair Bolsonaro, condenado a máis de 27 anos de cárcere polo intento de golpe de Estado para impedir a toma de posesión de Lula como presidente do Brasil. Mentres, a campaña do PT foi cuestionada polo uso da maquinaria do Estado para favorecer a reelección de Lula, así como o seu presunto uso de actos, eventos e imaxes oficiais con finalidade electoral.
En paralelo, o PT
realizou una solicitude ao maxistrado do Supremo Tribunal Federal, Flávio
Dino, para que abra unha
investigación da suposta interferencia estranxeira nos comicios. Deste modo, a
candidatura de Lula denuncia que organizacións dos Estados Unidos, como
Rockbridge Network, estarían detrás do financiamento da campaña do PL.
Órdago de Lula
O presidente do Brasil marcou a última semana de campaña electoral cun inesperado órdago que centrou a axenda política. Lula decidiu a pasada fin de semana, a tan só nove días da xornada electoral, prohibir as apostas deportivas e os xogos en liña en todo o territorio estatal, cualificando este sector como un "cancro" que destrúe a economía das familias e a saúde mental da poboación.
A medida provisoria prohibe de inmediato a realización de novos depósitos ou a aceptación de apostas nas plataformas que operaban no Brasil. O Goberno fixou así un calendario que obriga ao feche definitivo das webs e aplicacións para o 6 de outubro. A medida, xa en vigor, deberá ser votada nas dúas cámaras do Congreso nun prazo de 120 días para converterse en definitiva.
"Tomei unha
medida necesaria, dura e drástica. Isto é como o cancro: ou extirpamos o tumor,
ou mataranos", dixo Lula, quen comparou o impacto da ludopatía co consumo
de crack. "Non é ningunha broma. É algo moi serio. Non imos permitir que as
empresas de apostas se enriquezan á conta dos ingresos e a vida das familias
brasileiras", concluíu o candidato do PT.
Os Brics tamén xogan un papel nos comicios deste domingo
Non só se xoga o
futuro do Brasil este domingo –ou, máis probabelmente, na segunda volta do 25
de outubro–, senón que o resultado terá sen dúbida unha importante lectura no
plano internacional. Tanto que o rumbo que tome o país na súa política exterior
é un dos eixos principais de debate na campaña electoral. Luiz Inácio Lula da
Silva e Flávio Bolsonaro teñen visións diferentes sobre o lugar que o país debe
ocupar no mundo. Neste sentido, o actual presidente aposta por reforzar a
autonomía do Brasil e estreitar os seus vínculos co Sur Global e co bloque dos
Brics, mentres que o seu rival propón un maior achegamento aos Estados Unidos e
ás ideas ultradereitistas de líderes como o estadounidense Donald Trump ou o
arxentino Javier Milei.
Flávio Bolsonaro cala
A principal fenda no debate sobre o papel do Brasil no mundo reside precisamente na pertenza aos Brics. Lula defende unha maior soberanía no marco deste bloque –fundado polo propio Brasil, Rusia, India e a China–, e aposta por afondar a cooperación cos seus membros. Pola súa parte, Bolsonaro cuestionou a utilidade desta organización e abriu a porta a unha eventual saída. Porén, tras recibir críticas, evitou volver sobre esta cuestión, que nin sequera aparece no seu programa.
[Fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário