Escrito por Ramón Nicolás
É probable,
talvez máis que probable, que tan só unha voz afeita á disciplina e ao
imaxinario lírico onde salienta como un dos autores de gañado prestixio, sexa
quen de afirmar que o tempo pasa “como move o vento do sur as patas dos cabalos
de Arabia”, e que isto apareza co naturalidade no medio e medio dun libro de
relatos breves coma este que nos ocupa, coa lectura aínda pendente de Árbore
arriba. Memoria das orixes (2026) no que volve asomarse á memoria
familiar como xa realizou hai algúns anos con dous volumes anteriores.
Volve, así
pois, Pepe
Cáccamo, ao xénero no que xa se estreara con Microtopofanías (1992)
e ao que seguiría A luz dos desnortados (1996) e no que se
move, a meu entender, con especial habilidade.
Se ben o libro aparece segmentado en dúas partes -a primeira, con relatos máis breves, como arriba sinalei, agrupa prosas arredor do tempo, do seu transcorrer e o seu poder para transformar as cousas; a segunda, unifica os relatos ao presentaren unha filiación onírica- tanto nunha coma noutra se advirte con facilidade a brillantez dunha prosa traballada, se se quere unha selección léxica que nace do pouso -coido que exemplar no clima construído no relato “Ninguén de ningures” e tamén naqueloutro titulado “Interrupción do xúbilo”: perturbadora historia -foina para min e moito- na que un profesor xubilado se ve obrigado a reintegrarse a un traballo docente que xa cría totalmente esquecido onde o peso da narración repousa, como ocorre noutros moitos relatos, na suma estratos marcados polo misterioso e desacougante, tan fronteirizo ás veces co delirante ou o absurdo.
Relatos, así
pois, inzados nalgúns casos de ironía, que comprimen moita literatura e xogos
creativos dentro, e nos que se materializa sempre unha atmosfera que posibilita
interpretar de maneira non unívoca a súa conclusión, se é que hai porque o
autor tampouco persegue peches tradicionais ou canónicos e de aí, se cadra, a
súa modernidade nese transitar polo epifánico e simbólico cara ao marabilloso
que, tamén si, pode instalarse no cotián.
Xosé María Álvarez
Cáccamo
Miniaturas e outras dimensións
Galaxia,
Vigo, 136 páxinas, 16,50 €, 2026
[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário