Coñecer un lugar é o mesmo que coñecelos todos. Iso dicía a escritora estadounidense Eudora Welty no seu ensaio Place in Fiction, onde afondaba na importancia que ten a xeografía e mais o entorno na narrativa. O escenario non é tal, ou non sempre. Non só. Na singularidade do rexional se pode atopar universalidade. Daquela, cómpre facerse a mesma pregunta que se fai Welty: “Cal é o lugar do lugar na ficción?”
![]() |
Unha das imaxes de 'Un ollo de vidro', de Castelao © Radio Galega
Escrito por Álvaro Domínguez
O sur dos Estados
Unidos, coas súas vilas decadentes arrodeadas de pantanos, onde as plantacións
das vellas familias escravistas ocupan o espazo que na orixe da literatura
gótica ocupaban castelos ruinosos cheos de misterios, é o escenario preeminente
dunha literatura de grandes nomes entre os que se atopa a propia Welty. Unha literatura
que mestura pasado e presente nun todo indisoluble. No Southern Gothic aos
misterios sobrenaturais os substitúen o racismo, persistente coma unha pantasma
nas luxosas estancias das plantacións en decadencia. A arquitectura tan
característica como a paisaxe da rexión representan de xeito determinante a
forma e mais o fondo das historias contadas por autoras como William Faulkner,
Frannely O’Connor ou Carson McCullers.
Da mesma maneira,
a cordilleira dos Andes dálle nome a unha corrente gótica propia. A escritora
ecuatoriana Mónica Ojeda recupera elementos da mitoloxía e as narracións orais
indíxenas para falar das diferentes formas de violencias actuais, como os
feminicidios ou o incesto, e tamén os vestixios do pasado colonial, que arrasan
a xeografía de volcáns, páramos e cidades dos seus relatos para conformar o
chamado gótico andino.
![]() |
Punto de Araña, de Nerea Pallares ©
Galaxia |
De entre todos
os sinais posibles á miña chegada a Camariñas, foron os seus ollos os que mo
revelaron. E non ese iris de estano nin a mirada dura e sen pestanexo coa que
aquela muller me aguillaba. Tampouco adiviñar, dende o primeiro contacto
visual, se tal vez neles estaba a dor da nai á que non fixeran caso. Non foi
iso, senón o que souben deseguido a través deles. A certeza de que nos seus
ollos había algo máis alá do humano.
O mundo das
ánimas foi sempre da man das letras en galego, poderosa ferramenta para facer
crítica social desde o fantástico ou sobrenatural. Foron bos os tempos de As crónicas
de sochantre de Álvaro Cunqueiro, onde un grupo de mortos animados
viaxa pola Bretaña francesa durante os tempos da revolución; ou os esqueletos
de Castelao en Un ollo de vidro, onde a morte non é un
elemento arrepiante senón fantástico ou mesmo cómico e paradoxalmente cheo de
vida. Mais tamén hai exemplos contemporáneos que recollen vestixios da
tradición oral para afondar noutras realidades do noso tempo, como en Besta
do seu sangue de Emma Pedreira, onde a figura mitolóxica do lobishome
e mais a lenda de Romasanta son o vehículo para dirixir a historia cara unha
perspectiva de xénero:
Os seus soños
seguían a ser vermellos, moles e silentes e recendían á ferruxe que entendía
como sangue. Soño sangue, soño o meu propio sangue, o que non dei deitado. E
por iso achaba que a muller que levaba dentro dera por non saír nesa lúa do mes
no que se desequilibraba, onde os cabelos da caluga e da pube se lle arrichaban
e tiña aquela gran fame de comer e fretarse.
Aquí o lugar que
domina a historia non é outro que o corpo protagonista, unha anatomía
cambiante, onde a transformación física non é o monstruoso, senón a reacción da
sociedade perante a que a ignorancia e mais a superstición consideran unha
anomalía da natureza.
![]() |
A agonía das folerpas, de Óscar Reboiras ©
Galaxia |
Onde nacen as
bestas de Pedro
Feijóo recolle a mesma lenda, mais o fai nos códigos da novela de detectives.
Mentres que o gótico andino está vencellado cos códigos narrativos dos xéneros
de terror, é máis frecuente que o galego o faga cos do noir. Desde
as novelas de Domingo Villar ata obras como A agonía das folerpas de
Óscar Reboiras, a literatura galega dispón dun amplo catálogo de thrillers onde
unha vila afastada é o lugar clave para afondar nun segredo agochado en tempos
pasados, que é precisamente unha das características fundamentais da novela
gótica inglesa tradicional e, xa que logo, do southern gothic. A
paisaxe rural da Galicia do interior, de clima hostil e topografía cruel, ten
aquí un protagonismo esencial. A agonía das folerpas comeza
cando os empregados dunha construtora atopan o corpo dunha vítima de asasinato
soterrado nas ruínas dunha antiga vila abandonada chamada Salgueiro, o que fai
que unha periodista inexperta se atope de fronte cuns feitos que se crían
esquecidos para sempre. Segundo avanza nas súas pescudas, baixo da terra que a
neve tiña soterrado o crime do pasado, o autor confronta as ruínas da vila
abandonada cos diferentes niveis de corrupción existentes no mundo urbano
actual:
Freguei unha e
outra vez as mans e as pernas, para evitar que a friaxe me comese. Tratei de
anotar mentalmente cada pequeno detalle, cada momento que fun adiviñando
durante aquelas horas interminables. Escoitei como aparcaron máis coches, o
momento en que chegou o xuíz e un garda civil o acompañou, como os da
científica desembarcaron en Salgueiro e se prepararon para recoller probas e
fotografar o escenario do crime. Pelexaba contra o meu corpo, contra a miña
cabeza e contra o meu impulso de saír correndo daquela esquina que se
convertera no meu mundo.
Ás veces o lugar da ficción gótica é un espazo que existe fóra da
realidade, no limiar da imaxinación do autor, como é o caso de Salgueiro. Tamén
Lobeira, a vila protagonista dos relatos de Marilar Aleixandre. Segundo indica
ao comezo de Lobos nas illas, “Non busquedes Lobeira nos
mapas, que a deste libro non é ningunha das dez ou doce que neles figuran,
antes pertence ao territorio da imaxinación, no que tamén habitan os seus
personaxes”. Unha Costa da Morte imaxinada como transfigurou William Faulkner o
condado de Lafayette, Misisipi, onde se criou ao fundar o ficticio condado de
Yoknapatawpha para as súas novelas.
Outras veces o lugar non é unha praia dos afogados, senón unha casa
rosa. A arquitectura tamén deliña a paisaxe dun xeito determinante. As
obras póstumas de Diego Giráldez confronta a vivenda da protagonista
co hospital psiquiátrico que ten xusto diante cun ton intimista para sinalar
que ás veces o conflito non reside no pasado que volve, senón no pasado que
fuxe, pois a protagonista padece unha demencia que fai que as súas lembranzas
se esvaezan. A casa familiar en Asasinato na casa rosa de
Arantxa Portabales é a manifestación física da corrupción moral dunha familia
onde todos os membros son sospeitosos dun asasinato; o cárcere de As malas mulleres de
Marilar Aleixandre ou o sanatorio psiquiátrico en As tolas que non o
eran de Carmen V. Valiña recollen a testemuña silenciosa de tantas
vítimas do sistema patriarcal:
Carme tomou o
camiño de volta ao coche, pero Raúl colleuna polo brazo dereito. Saíron dous
homes máis de dentro. Raúl apertou máis forte, os homes achegáronse con apuro e
metérona polo aire dentro do edificio. Non houbo tempo máis que para mirar a
papá, que choraba mentres os raios de sol caían sobre a súa fronte. Carme nunca
vira así a papá. E non volvería velo nunca máis. Acababa de ser recluída á
forza nun manicomio.
![]() |
As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña © Galaxia
O gótico confronta as historias que se contan coa Historia que foi. O
pasado imposible de esquecer, malia que os personaxes teimen en acadar ese
imposible. Do mesmo xeito que Toni Morrison lidaba coa longa sombra do pasado
escravista, ou Mariana Enríquez coa da ditadura militar arxentina, os autores e
autoras galegos afondan na escuridade da Guerra Civil e mais da Posguerra. E
que imaxe pode haber máis escura que as tropas fascistas queimando libros
en Os libros arden mal de Manuel Rivas:
Houbo un
silencio de disparos. Tamén parecía que os disparos estaban á escoita,
sorprendidos. Logo veu unha forte descarga. Puido oírse o agoniar do derradeiro
son cribado, a queimarroupa. Moitas das bandeirolas están esfiadas, mordidas. A
atmosfera onde arden os libros está chea de ocos. Está furada.
A poesía de Celso Emilio Ferreiro segue o mesmo ronsel antibelicista,
de vocación social e de denuncia da miseria das clases traballadoras, en Longa
noite de pedra:
O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazóns dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.
![]() |
Longa
noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro © |
Ah! Os teus
ollos, os teus ollos… canta forza me daban, canta forza me segue dando a túa
mirada atlántica. Eu bicábache a boca hemipléxica coma se nada pasase e
empezabamos a nosa xornada de tarde chea de normalidade.
A cidade tamén pode ter feituras góticas, xa que vivir nela ás veces
pode supoñer unha especie de morte en vida. No poema The Waste Land T.S.
Eliot describe un Londres de pesadelo que conecta co Inferno de
Dante. Do mesmo xeito, as rúas dun Vigo fantasmagórico -“Érgome / e Vigo vai
aínda durmido...”- son un dos eixos centrais da poética de Xela Arias.
Para rematar, temos que volver a Eudora Welty para sinalar ás súas
propias palabras, ao dicir certeiramente que “a localización é a encrucillada
da circunstancia”. E Galicia, que moito sabe de encrucilladas, dispón
dunha literatura cunha diversidade de circunstancias tal que o seu carácter
universal é indiscutible.
[Fonte: www.praza.gal]





Sem comentários:
Enviar um comentário