sexta-feira, 28 de agosto de 2026

Ceuta / Septa

O réxime de Marrocos é froito das decisións da República Francesa e do goberno de Franco no proceso de descolonización

Migrantes marroquís en Ceuta o pasado 24 de agosto. 

Escrito por Rubén C. Lois González 

Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela 

A comezos de xullo, durante as xornadas anuais sobre Xeopolítica que celebramos en Moaña, preguntáronme que pensaba da soberanía española de Ceuta. Non rematei por responder a pregunta, pero coa crise dos refuxiados africanos na cidade, vou contar a miña visión deste proceso. E importante indicar que Ceuta é o nome español, da Septa, polos sete outeiros que distinguiron os romanos e bautizaron a localidade. Sebta é empregado aínda polos árabes. Isto é importante: empezamos por unha deturpación do nome. Ademais, nunca se sinala que non hai tratado de límites asinado entre España e Marrocos. Os marroquís, Estado independente desde 1956, só recoñecen a soberanía española na Illa de Alborán, nin Septa, nin Melilla, nin o Peñón de Vélez Gomera, nin as Chafarinas, son consideradas españolas; só como territorios sen descolonizar, como fai o Estado español con Xibraltar. 

De aquí, pásase á segunda cuestión: que debe facer o goberno de Madrid nas súas relacións con Marrocos? Neste ámbito as cualificacións soen repetirse. O goberno de Marrocos chantaxéanos ou o réxime de Marrocos é unha ditadura. Pero aquí cumpre repasar a historia. O réxime de Marrocos é froito das decisións da República Francesa e do goberno de Franco no proceso de descolonización de 1956. Non outorgaron a liberdade aos marroquís, só negociaron coas súas elites encabezadas polo rei Mohammed (avó do actual). “O noso amigo El-rei”, como di o libro, fai o que quere coas maiorías parlamentarias e xa boicoteou gobernos socialistas, nacionalistas ou islamitas que podían mudar o status quo. Nin as autoridades francesas nin as españolas cuestionaron isto e favorecen a creación de empresas mixtas en sectores empresariais relevantes. Dar plena liberdade ás masas marroquís, recoñecer o dereito de autodeterminación dos bérberes, só aumentaría o risco para a españolidade de Septa en tanto colonia.

O pano de fondo da crise

Nesta crise hai outro actor moi importante, os inmigrantes pobres, polo tanto ilegais. Moitos deles son menores sós e deben ser acollidos en Europa, outros proveñen de espazos de conflito e teñen dereito a solicitar o asilo. Porén, o discurso hexemónico consiste en consideralos foco de problemas sanitarios, de seguridade e axentes desestabilizadores. Tanto a dereita fascistizada como sorprendentemente o Goberno de Madrid falan de expulsión e de centros de acollida onde agrupalos. Algúns destes inmigrantes queren retornar, pero sabemos que a abrasadora maioría desexa quedar. Cómpre xestionarlles acollida, formación e acceso a servizos públicos. Se non se queren manter en Septa, poden distribuírse. Pero 5.000 persoas menores e perseguidos pola situación nos seus países de orixe non os fai criminais ou alguén de quen desfacerse; son como os nosos avós e avoas que emigraron, moitos menores de idade sen compañía, para mellorar a súa vida. O debate que se abriu estes días, co PSOE incluído, demostra até que punto os fascistas están gañado o debate sobre a migración.

O pano de fondo de todo segue sendo a cidade de Septa/Ceuta. Primeiro, descubrimos que as posesións (coloniais) de España en África son máis fráxiles do que se pensaba. Actualizouse a idea de que os habitantes da cidade, que conta case cun 40% de poboación musulmá, queren ser cidadáns da UE con pasaporte español. Isto é indubidable, do mesmo xeito que os de Xibraltar desexan manter a cidadanía británica. O problema establecese entre unha sociedade derivada dun acto colonial, con dereito a defender os seus dereitos, e o territorio no que se asenta, froito dunha conquista violenta aos seus habitantes orixinarios. Outro tema lateral deriva da reivindicación dunha suposta urbe de catro culturas: cristiá, musulmá, hindú e xudía. As mesmas semella que na actualidade conviven de forma respectuosa, pero isto non foi así por moito tempo, cando os cristiáns retiñan todo o poder. Agora admítese o ensino do árabe e o amazigh, a festa do cordeiro e outras manifestacións da poboación árabe/bereber. Quizás a posibilidade de que se converta nun futuro próximo en maioría, e que o peso demográfico dos hindús e xudeus non supere o 1% conxuntamente axude bastante. A dinámica da sociedade ceutí será, sen dúbida, outra variable nunha ecuación xa complicada.    

Septa é unha posesión de orixe colonial que ofende aos marroquís. En paralelo, Europa atrae aos pobres africanos que queren construír un futuro. Polo tanto, non chamará atención que a xeopolítica dun Marrocos aliado con EE.UU. e Israel xogase a desencadear unha fonda crise.

 

[Foto: Marcos Moreno / Europa Press - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário