quinta-feira, 9 de julho de 2026

Xosé Neira Vilas, o home, o escritor e o seu triángulo vital e literario

Escrito por Ramón Nicolás

Teño para min que Neira Vilas simboliza a figura do escritor que puxo a súa voz ao servizo do que se lle revelou como necesario no seu tempo. Isto converteuno nun escritor popular, accesible e que conseguiu atraer para a literatura galega milleiros de persoas que, talvez, leron por vez primeira na nosa lingua novelas ideadas polo autor de Gres. Con todo, a súa produción de ficción ocupa outras dimensións moi suxestivas como ben se pode ver no seu libro de relatos O home de pau (1999), que particularmente sempre recomendei.

Os ángulos internos dese triángulo que sintetiza a súa vida son, como é sabido, Gres (Vila de Cruces), Bos Aires e A Habana: algo máis ca unha forma xeométrica doada de lembrar porque estes espazos son zume nutricio da súa biografía e están presentes na súa obra de ficción, na ensaística -aínda non superada no que se refire á presenza de Cuba en Galicia ou de Galicia en Cuba, ou dos numerosos libros poéticos que publicou aquí e acolá. Cando o coñecín persoalmente na Coruña, en maio de 1995 con ocasión do Día das Letras dedicado a Rafael Dieste, decateime que a súa figura excedía a do escritor, isto é, malia que non o pretendía era memoria viva de acontecementos e vivencias do século XX retratadas, con paixón e certeira seguridade, na incorporación ao diálogo do título dun libro, dunha data, dun nome…

Dun ou doutro xeito, malia non verme enteiramente reflectido na célebre figura de Balbino, recoñecín e saudei sempre en clave entusiasta o seu célebre libro –Memorias dun neno labrego, que conta cunha magnífica tradución ao castelán en Kalandraka- e as reedicións e novas entregas dun autor que traballou ata o último instante da súa vida. Foi xeneroso comigo doándome algúns manuscritos e, desde que o coñecín, valorei aínda máis esa obra literaria independente, sólida e senlleira e, ademais, aqueloutro Neira Vilas máis oculto que foi agromando aos poucos, tanto en epistolarios como noutras obras de carácter memorialístico.

Chegarán agora, como é natural, biografías, reedicións, quen sabe se inéditos  e estudos necesarios pois teño a convicción que aínda hai moito que dicir sobre a súa obra e o que significou. Teño para min que, igualmente, cómpre saber situar no seu contexto as tres institucións que creou: a editora e libraría Follas Novas, a Sección Galega do Instituto Cubano de Literatura e Lingüística e mais a Fundación Neira Vilas e unha análise cumprida dos esteos que constitúen a súa ideoloxía, que se translocen con naturalidade na súa produción literaria.

Pola miña parte conclúo coa síntese profesional que o propio Neira Vilas ofreceu no Dicionario da nova literatura (2021), inquirido por Xesús Alonso Montero e que apunta os tres ángulos arriba amentados: «Galicia: labrego, tenedor de libros nun aserradeiro. Bos Aires: obreiro panadeiro, crasificador de teas nun estabrecemento maorista de tecidos, vendedor de madeiras paraguaias, xefe de importación e de finanzas nunha empresa madeireira, libreiro, editor, xornalista. En Cuba: diversos cargos dirixentes no campo da industria (alternando coa práctica xornalística, estudos, etc.)». Velaí como, con orgullo, non esquece as variadas ocupacións que abrazou para gañar a vida e que soubo compaxinar coas letras, coas nosas letras. Oxalá presenciemos un vizoso Día das Letras para o vindeiro ano.

 

[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário