sexta-feira, 24 de julho de 2026

«Os fabuladores», novela de J.I. Carnero

Escrito por Ramón Nicolás

Non hai moitos anos un familiar meu compartía cuarto hospitalario cunha persoa que formara parte da tripulación secuestrada no transatlántico Santa Maria. Non lembro o seu nome, e ben que o sinto, mais si recordo a seriedade do seu rostro cando se refería ao medo e á incerteza que sentira naqueles días de xaneiro de 1961. Sobre aquela operación levada a cabo polo chamado DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) sabiamos algo grazas ao traballo biográfico que Antonio Piñeiro fixera do poeta celanovés Pepe Velo e doutras fontes como os traballos de Xavier Montanyà, Xan Leira ou Margarita Ledo Andión.

Con todo, non sospeitara que aquel secuestro e, sobre todo, os seus principais protagonistas -Velo, Galvão e Sotomayor- puidesen converterse no fío que sutura unha proposta narrativa híbrida -velaí as páxinas de filiación xornalística, biográfica e ficcional por xunto- que vén da man, grazas á tradución de César Lorenzo, de José Ignacio Carnero.

Teño para min que Os fabuladores é talvez algo máis que a historia e o desenvolvemento daquel intento de denunciar diante da opinión pública mundial as ditaduras de Franco e Salazar, cunha clara vontade propagandística. Algo máis, pois, alén do relato, Carnero fai que traspasemos ese delgado gume que separa os soños do que non o son con naturalidade e fai que funcione o pacto de complicidade que nos pide desde o comezo. Ademais, case engadiría que a novela brilla cando adopta esa tonalidade narrativa a cabalo entre o xornalismo e a ficción, construíndo con transparencia -e coido que non é doado- unha etopea dos tres protagonistas grazas a un proceso de busca que adquire a categoría de obsesión para iluminar ángulos escuros e, abofé, para deseñar os desexos, contradicións e expectativas de Galvão, Velo e Sotomayor, sen esquecer reconstruír o final de cada un deles cando xa non albiscaban Ítaca ningunha. A poeira que trae o tempo e o esquezo canda si converteunos en símbolos se se quer dun tempo extinguido. A estrea inminente da curtametraxe documental “Expediente Xosé Velo”, dirixida por Aser Álvarez, afondará seguramente neste sentido.

J. I. Carnero

Os fabuladores

Aira, Allariz, 288 páxinas, 19,90 €, 2026

 

[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário