segunda-feira, 27 de julho de 2026

A responsábel da dobraxe na TVG prefire a versión orixinal: «Ten matices que non che dá a dobraxe»

A intervención de Montse Besada  nun coloquio con representantes das radiotelevisións públicas con linguas propias do Estado causa malestar dentro dun sector especialmente precarizado e que demanda unha maior aposta aos medios públicos galegos polo seu rol fundamental para preservar e valorizar a lingua galega.

Montse Besada, xefa de Contidos da CSAG, durante a súa intervención no coloquio. 

"A versión orixinal ten uns matices que non che dá a dobraxe". Poderiamos escoitar esta valoración, totalmente lexítima, en moitos contextos. Máis estraño é que proveña, precisamente, da persoa que leva case dúas décadas á fronte do departamento de dobraxe da Televisión da Galiza, Montse Besada, e nun encontro entre responsábeis das radiotelevisións públicas do Estado con lingua propia titulado 'Pluralidade lingüística en rodaxes audiovisuais'.

Besada, que tamén é actualmente a xefa do servizo de Contidos da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG), participou deste coloquio organizado pola Academia de Televisión y de las Ciencias y las Artes del Audiovisual para analizar a importancia da lingua galega nas pezas audiovisuais que se emiten polas pantallas da TVG, onde a dobraxe xoga un papel esencial. Nun momento da súa intervención, porén, non dubidou en sinalar as súas preferencias á hora de consumir un filme ou unha serie de televisión.

"Cando ti escoitas algo en versión orixinal hai uns matices que, aínda que non entendas o idioma, non chos dá a dobraxe", asegurou a responsábel da dobraxe na Galega, quen acto seguido aludiu a este mesmo cargo para, entre risos, dicir: "Que non me escoiten, borren isto".

Mais Besada insistiu novamente nos moitos "matices" que, ao seu ver, escapan á dobraxe. Neste punto coincidiu con ela o director, guionista e produtor de cine e de televisión Pau Freixas, quen chanceou coa posibilidade de apertar un botón "para que non se poida dobrar nunca máis" porque isto "sería bo" para que "a xente saiba linguas e para a cultura". "Que nos matan os da dobraxe...", respondeulle Besada.

A polémica intervención neste foro da responsábel da dobraxe na TVG non pasou desapercibida para moitos e moitas profesionais deste sector, que expresan o seu malestar polo que entenden como un "insulto" a unha profesión xa de por si denostada e precarizada, mais que noutrora foi un dos buques insignia da radiotelevisión pública do noso país.

As dobraxes que se fixeron da animación xaponesa, por exemplo —e cuxa contribución á normalización da lingua galega entre a mocidade si soubo recoñecer Montse Besada—, foron recoñecidas a nivel internacional, como é o caso de Shin Chan, que para a súa produtora tiña na galega a mellor adaptación de todas as que se fixeran. E especialmente celebrada fora tamén a dobraxe de Os luns ao sol polo seu propio director, Fernando León de Aranoa, e hai unha xeración de galegos e de galegas para quen Terminator non se despedía cun "Sayonara, baby", senón cun "Vai rañala, raparigo", ou que non vía Sue Ellen, de Dallas, "bébeda" e non "borracha". 

Lonxe quedan aqueles tempos, pois a TVG reduciu de forma considerábel nos últimos anos o orzamento destinado a sufragar a dobraxe de contidos ao galego. O sector apenas dá hoxe traballo na Galiza a arredor dun cento de persoas -non necesariamente a tempo completo- e máis da metade dos contidos que se dobran no país -perto de 70%- son en español. É por iso que demandan máis apoio aos medios públicos, que entre os seus principios fundacionais teñen, precisamente, o fomento da lingua galega, cuxo uso non deixa de minguar entre as xeracións máis novas. 

 

 

[Foto: Academia TV - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário