Escrito por Ramón Nicolás
Teño para min que Lourenzo
Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea na USC e
membro de número da RAG, constitúe unha parte substancial, moi substancial
engadiría, deste grupo de historiadores galegos que iluminan con brillantez
parcelas do noso pasado —en ocasións interpretando capítulos do noso presente
como ben testemuñan as súas habituais colaboracións nas páxinas de opinión
deste xornal—, cunha evidente vontade didáctica e, o que talvez sexa aínda máis
relevante, exhibindo un rexistro accesible e diáfano para calquera persoa que,
sen ter coñecementos históricos previos, cultive ese afán de curiosidade que a
conduza a afondar nalgún período histórico que, coma consecuencia recorrente
posibilitará explicarnos como é o lugar no que vivimos, como é a nosa sociedade
e cales son as claves da nosa singularidade.
Neste libro, titulado A Galicia moderna (1880-1939), Fernández
Prieto repara no acontecido nun marco temporal que vai das derradeiras décadas
do século XIX ata a fin da guerra civil e xa no subtítulo que reza á fronte do
seu libro esencializa con brevidade a orientación deste ensaio: «Unha sociedade
activa, unha economía innovadora».
Velaí unha afirmación que pode resultar
sorprendente e que, sen dúbida, a través dun pulcro exercicio de investigación
e de interpretación dos materiais colleitados quebra certos lugares comúns e
clixés negativos estendidos sobre o período que o ocupa, tempos sobre os que se
erixiron estereotipos e falsidades interesadas que se nos quixeron transmitir.
Mais a Galicia moderna non foi, precisamente, un lugar atrasado; antes ben xa
se definía polo seu cariz anovador que se proxecta, por só citar algúns
elementos, no espírito reivindicativo de labregos e obreiros, nas melloras
aplicadas ao mundo agrario, nas iniciativas nos eidos da industria da conserva
ou na creación das empresas eléctricas.
Un libro que axuda, pois, a ollar desde
outra perspectiva o noso pasado e que subliña a forza dese pulo transformador
que configuraba unha Galicia que involucionará desde o ano 1939 coa vitoria do
exército golpista e a consciente operación de terror e esquecemento que se
impuxo.
Lourenzo Fernández Prieto
A Galicia moderna (1880-1939). Unha sociedade activa,
unha economía innovadora
Xerais, Vigo, 18,95 páxinas, 264 €, 2026
[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário