![]() |
| Imaxe que encabeza o artigo publicado por Rose Horowitch en The Atlantic |
Escrito por Xurxo Borrazás
No último número de The Atlantic a escritora Rose Horowitch publica un ensaio co título desta columna, un texto polémico, e polo tanto oportuno. Nel analiza a lectura como práctica non innata senón continxente e fráxil, apenas 6000 anos en termos absolutos e non máis duns séculos se consideramos as sociedades nas que a inmensa maioría das persoas están alfabetizadas e teñen acceso a un volume xeneroso de publicacións diversas. A autora describe como na “era da lectura” esta era a vía principal para transmitir a cultura, informarse, fixar contratos e pactos sociais ou xerar significado. Ese carácter central estaría agora sometido a asedio e Horowitch prognostica a deriva acelerada cara unha sociedade non analfabeta pero si, no ronsel de McLuhan, post-letrada.
O papel referencial da escrita, sinónimo de fiabilidade, verdade ou lei, xógao a cada paso máis a imaxe, fronte á cal nos pasa desapercibida a súa condición de construída e metafórica, que comparte coa linguaxe. Unha imaxe mostraría de maneira transparente o que hai, non contaminado pola opinión. Hoxe que a fabricación de imaxes e textos a base de clics é a norma, esa crenza produce risa. A substitución da cultura escrita pola da imaxe trae consigo a perda de capacidade para procesar e producir mensaxes complexas, e unha sofisticación da camuflaxe ideolóxica por medio dunha suposta neutralidade.
O noso cerebro non está programado para ler. Esa actividade non é natural, debe ser adquirida, practicada e perfeccionada. Se deixamos de ler, a habilidade deteriórase e atrófiase, coma se deixamos de correr ou de falar unha lingua estranxeira. A lectura non é un modo de comunicación coma outros senón que precisa dunha fase de abstracción e activación neurolóxica que a contemplación de imaxes non require. Ao deixarmos de ler pérdese a exposición á diversidade de opinións e a toma en consideración das visións que non coinciden coa nosa, pérdense igualmente autonomía, capacidade de asociación, de proxección, de pausa, de decisión ou de interpretación. Pérdese credibilidade e gáñase credulidade. En palabras de Machado, fáisenos máis difícil “distinguir as voces dos ecos”.
Para o que si está programado o cerebro é para ser sensíbel e reaccionar ante as distraccións. Rexistramos e respondemos a calquera cambio na contorna, calquera movemento, como mecanismo de alerta e prevención. As redes sociais, provedoras de distracción a grande escala en forma de memes ou vídeos curtos, en moitas ocasións reproducidos ao dobre de velocidade, sábeno. Os xestores das redes sociais coñecen ese calcañar de Aquiles e, como sinala o psiquiatra Anders Hansen, hackearon o noso cerebro para explorar esa fenda nas nosas defensas.
Hoxe ninguén lle prende lume aos libros. Ao contrario, lemos máis palabras que nunca en múltiples formatos breves. O equivalente actual das lapas na Biblioteca de Alexandría, e tantas outras, non é a destrución da cultura escrita senón a implantación na mentalidade colectiva da súa irrelevancia. De feito, a desaparición da biblioteca de Alexandría debeuse só en parte ao lume, o resto pode atribuírse ao desleixo e a falta de mantemento: ratos, fungos, insectos, etc. A maneira máis efectiva de anular unha idea non se leva a cabo pola forza (sentirse atacado pode levar a redobrar as defensas) senón pola desidia ou o abandono.
Este proceso é evidente na estrutura das mensaxes políticas, básicas, polarizadas, efémeras, máxicas e entretidas: as arroutadas e xestos charramangueiros e autocancelados de Donald Trump son o exemplo paradigmático: el mesmo recoñece en público que o único que le son reportaxes que falen del, ademais do teleprompter. Traspasado ao campo das matemáticas, non é que perdamos habilidades para o cálculo mental con números de varias cifras. O que está a acontecer cultural e socialmente coa renuncia á lectura de textos complexos parécese máis a renunciar aos números, vén sendo como substituír todos os libros orixinais escritos ao longo de milleiros de anos por versións adaptadas, coas ideas e as situacións resumidas e simplificadas, redactadas con frases máis curtas e cun vocabulario básico. A prosa de Proust supón unha barreira infranqueábel para o público maioritario, afeito a textos da literatura xuvenil, a preferida tamén por bo número de persoas adultas. O resultado é unha infantilización e unha relegación do pensamento racional e analítico. Se non somos quen de concentrármonos en textos longos e complexos durante un período extenso de tempo, calquera proxecto cultural ou científico ambicioso se converterá para nós en inasumíbel e renunciaremos a el. A cultura escrita, por conseguinte a lectura, é a que levou a Newton a sentenciar que avanzamos sobre os ombros de xigantes.
No camiño pérdese igualmente o gozo da lectura das obras mestras da literatura, a filosofía, a historia, o xornalismo ou a ciencia. Pérdese a memoria e o coñecemento acumulado polas mentes máis preclaras e reflexivas na cadea de xeracións que nos trouxo desde a invención da linguaxe articulada ata os nosos días. Isto está a acontecer e é un camiño fomentado, non se trata dun proceso espontáneo nin decidido pola xeneralidade das persoas, moito menos desexado. Na poboación máis nova medra o número de persoas que desexarían ler máis pero non se ve capaz ou non o consegue porque a súa capacidade de concentración está debilitada pola xustaposición de fragmentos conectados arbitrariamente, as fontes de distracción asáltanos coa gratificación instantánea de satisfacer o instinto natural de atender aos cambios, reificado nun desfile sen fin de imaxes e mensaxes breves e primarias en tweets, whatsapps, scroll, reels, threads ou links. Quizais por iso máis e máis mozos e mozas expresan que preferirían vivir nun mundo sen internet, á que en parte atribúen a agresividade emocional, a ansiedade existencial e a deshumanización das relacións persoais.
Horowitch cita múltiples estatísticas que apoian a tese da erosión acelerada da lectura en todos os grupos demográficos. Un estudo rechamante di que o número de norteamericanos que len é xa inferior ao dos que participan en apostas. A autora explica como feitos que en teoría contradín as súas conclusións, tales como o auxe na vendas de libros ou os clubs de lectura, responden menos a un aumento que á concentración: hai menos persoas que len pero len máis. Os clubs de lectura funcionarían así como células de resistencia e apoio para contrarrestar a tendencia xeral.
Os cambios que Rose Horowitch prognostica son lexitimamente discutíbeis, nós mesmos temos reservas sobre a súa inminencia e inevitabilidade, por iso mesmo agradecemos que nos obriguen a consideralos. Se se chegan a dar, a magnitude das súas consecuencias será semellante á que no seu día tivo o fenómeno contrario, a aparición da escrita. Agora ben, xa que estamos e falan deste tempo, algo teremos que dicir nós.
[Foto: The Atlantic - fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário