domingo, 28 de junho de 2026

Unha lingua de prestixio: un de cada tres comerciantes ve no galego un «valor engadido» para atraer clientes

O Centro de Estudos Superiores de Galicia (Cesuga) e a Asociación Pro-Fundación Manuel Vello presentaron esta quinta feira un relatorio sobre a situación do galego nas actividades comerciais no ámbito urbano. O documento alerta do escaso uso da lingua do país neste sector e "confirma unha situación de diglosia no comercio urbano galego".

Montero, Acebo, Alonso, Martínez e Zabala, autoras e autores do relatorio sobre o galego no comercio elaborado polo Cesuga..

Escrito por Xacobe Ferreiro 

O galego vende. Así o certifica un estudo elaborado polo Centro de Estudos Superiores de Galicia (Cesuga), titulado Estudo da situación sociolingüística do galego nas PEMES [pequenas e medias empresas]  urbanas de Galicia e coordinado polo doutor en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e profesor do grao de Publicidade e Relacións Públicas de Cesuga Héctor Acebo. O traballo, resultado dunha colaboración entre a entidade académica e a Asociación Pro-Fundación Manuel Vello, parte dunha mostra de 250 enquisas realizadas nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo.

Unha das principais conclusións do relatorio é que "o desuso do galego no comercio non responde a un rexeitamento explícito por parte dos clientes". Neste sentido, desvela que só 7,7% da clientela nos comercios da Galiza urbana rexeita ser atendida en galego, situándose esta porcentaxe en 0% en Ourense, en 8,3% en Vigo e en 10% na Coruña, Lugo e Compostela. A este respecto, Héctor Acebo explica a Nós Diario o uso maioritario do español nas actividades comerciais dos ámbitos urbanos como resultado dos "prexuízos sociolingüísticos interiorizados durante séculos" e apunta, seguindo as teses do sociólogo francés Pierre Bourdieu, que "os comerciantes asumen o castelán como un capital lingüístico máis rendíbel e seguro para os negocios".

As razóns do español

"Este fenómeno reflicte unha clara estigmatización sociolingüística na que os profesionais das PEMES se deixan absorber pola lingua buscando proxectar unha imaxe de modernidade e eficiencia", asegura Acebo, quen considera que "o castelán mantén unha presenza tan significativa na comunicación empresarial ao ser percibido como unha lingua con maior alcance, prestixio e recoñecemento". Nesta dirección, destaca que "opera como unha opción supostamente ‘máis segura’ desde o punto de vista comunicativo, consolidando unha dinámica de subordinación que non se xustifica pola demanda real do mercado". 

As conclusións deste relatorio están en liña con outras investigacións publicadas nos últimos anos. A este respecto, un traballo elaborado pola graduada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, Anabel Antela Castro, e publicado en 2020 pola Mesa pola Normalizacións Lingüística baixo o título de A lingua galega no sector téxtil desvelaba, cunha mostra de 300 persoas, que "95% considera agradábel o emprego habitual do galego por parte das marcas" de roupa, significando que "supón para máis da metade da poboación un factor determinante no proceso de compra e un feito que reforza a súa imaxe cando o empregan na súa publicidade".

O presidente da Mesa Pola Normalizacións Lingüística, Marcos Maceira, sinala a Nós Diario que "de terse cumprido o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e de térense promovido accións directas para promover o uso do galego no ámbito empresarial, a situación sería outra". A este respecto, parécelle "lóxica esta distorsión entre o que demanda a clientela e o uso do galego no comercio", asegurando que "a única entidade que traballa neste ámbito é A Mesa coa súa iniciativa Abertos ao Galego". Nesta dirección, destaca que "a lei galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias recolle o dereito á atención oral e escrita en galego, mais esta regulación non ten un desenvolvemento concreto".

O papel da Xunta

"Esta ausencia dun desenvolvemento que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos", afirma Maceira, quen entende que "isto supón unha discriminación por razón de lingua e unha penalización ilícita que sofre a parte máis feble da relación comercial, o consumidor e a consumidora". Neste punto, conclúe que "se ve menosprezada a opción lingüística do galego malia ser a lingua propia da Galiza e gozar dun status formal de cooficialidade".

A posición proclive da clientela ao uso do galego contrasta co seu emprego no ámbito comercial. A este respecto, o relatorio elaborado polos investigadores de Cesuga desvela que o persoal das PEMES utiliza o galego como lingua habitual coa clientela en 14% dos casos na Coruña, 18% en Vigo, 26% en Compostela, 30% en Ourense e en 35,3% dos casos en Lugo. Ao tempo, o informe analiza que "o comercio actúa como un filtro de castelanización debido á ausencia de estratexias lingüísticas empresariais", sinalando que "no proceso de selección de persoal, non se lle concede importancia ao feito de que o empregado saiba falar galego".

O dominio da lingua

As cifras apuntadas no relatorio sinalan que "consideran imprescindíbel o dominio da lingua propia nos perfís profesionais" 3.9% dos comercios en Lugo, 4% na Coruña, 10% en Vigo e 22% dos comercios en Ourense e Compostela. A este respecto, o informe desvela que "na Coruña e Lugo, 98% das empresas analizadas carecen de calquera tipo de normativa lingüística interna. En Compostela e Ourense as cifras descenden levemente a 90% e 88%, respectivamente". Nesta perspectiva, o informe concreta que "no caso da capital galega, 10% de negocios si que aplican normativas sobre o idioma de contacto".

A consideración do papel potencial do emprego do galego para gañar clientes varía en función das cidades. Nesta dirección, o documento apunta que "son poucos os comerciantes que consideran que o uso do galego é un valor engadido para atraer clientes", alcanzando 26% dos enquisados en Vigo, 27% en Lugo, 30% na Coruña, 32% en Ourense e 44% en Compostela, significando 31,8% do total para o conxunto da Galiza. Neste sentido, a investigación chega a unhas conclusións análogas ás ofrecidas polo traballo de Anabel Antela.

Unha proposta para avanzar na galeguización do sector comercial

A presidenta da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello, Carolina Silva, explica a Nós Diario que, "como impulsores da enquisa na que se basea este informe, queremos salientar que esta ferramenta foi redactada especificamente coa finalidade de abordar de raíz o problema da falta de atención ao noso idioma no ámbito comercial".

Neste punto, afirma que "o obxectivo inmediato da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello é colaborar activamente na proposta de estratexias que doten o sector comercial de recursos técnicos e loxísticos, facilitando así a posta en marcha de programas de normalización lingüística realistas e adaptados a cada empresa". A este respecto, conclúe que "hai destacar a necesidade urxente de cambiar as dinámicas conversacionais e comerciais no ámbito empresarial".

 

[Fonte: www.nosdiario.gal]


Sem comentários:

Enviar um comentário