sexta-feira, 26 de junho de 2026

O Consello de Europa solicita información á Mesa e á Xunta sobre o cumprimento das súas resolucións sobre o galego

 

O Comité de expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas solicitou información á Mesa e á Xunta, a través do Estado, sobre o cumprimento das últimas resolucións do Comité de Ministros do organismo internacional a respecto da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. En cada ciclo de avaliación realízase unha avaliación a medio termo para coñecer se existen avances. 

Na resolución publicada en 2024, o Consello de Europa instou o Estado e a Xunta á derrogación do decreto que prohibe o galego nas materias da área científico-técnica, ao estabelecemento de medidas que permitisen o uso do galego nos procedementos xudiciais a petición dunha das partes, ou medidas para asegurar a atención e dispoñibilidade de galego na administración e nos servizos sociais e de saúde. 

Na información remitida pola Mesa, ademais de trasladar os datos que reflicten a emerxencia lingüística, destacouse o total incumprimento das resolucións do Consello de Europa mantendo o decreto contra o galego, limitando o seu uso na xustiza a través da Lei orgánica do poder xudicial ou, no caso da Xunta, facilitando un programa informático que non conta coa posibilidade de uso da lingua propia de Galiza, situación semellante a diferentes aplicativos no SERGAS, reforzado coas dúas últimas modificacións en 2024 e 2025 da lei de emprego público de Galiza para facilitar o acceso á listas de contratación da Xunta a persoal que non pode acreditar o coñecemento de galego, ou cunha lei de intelixencia artificial que non contempla o uso do galego nesta tecnoloxía pola administración pública. 

Pola súa banda, segundo explicou Marcos Maceira, presidente da Mesa, “a Xunta insistiu en agochar a vergoña que supón que o propio goberno que ten obriga de promover a lingua galega encabece a súa exclusión, sen mostrar ningún interese e cumprir un tratado internacional de obrigado cumprimento como a Carta Europea das Linguas, comezando por derrogar o decreto contra o galego no ensino e garantindo a presenza do galego en todos os espazos e para todos os usos”. No seu informe, afirma Maceira, a Xunta amósase satisfeita “cos desastrosos resultados para o galego do decreto do ensino” e non fai mención a asegurar o galego no coñecemento e nas ferramentas básicas de traballo para todas e todos os traballadores públicos. 

“Nada impediu á Xunta e ao Partido Popular cumprir co PXNLG e a CELRM nos últimos vinte e dous anos”, recorda o presidenta da entidade de defensa da lingua. “Á emerxencia lingüística”, remata, “a Xunta só respondeu con propaganda coa que ocultar a lexislación contra o galego que foi aprobando nos dous últimos anos”.


[Fonte: www.amesa.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário