Escrito por David M. Sobrino Platas
A desaparición dos antigos cines galegos non foi só o peche dunha serie de edificios. Foi tamén o final dunha forma de encontro, de lecer e de relación coa cultura popular que marcou durante décadas a vida de vilas, barrios e cidades. Esa transformación é o eixo de O final dos cines en Galicia, unha obra inédita e póstuma que reúne 400 fotografías realizadas por José Luis Cabo Villaverde hai máis de trinta anos e que agora ve a luz da man da Fundación Carlos Velo.
A obra recupera un proxecto que quedara inconcluso tras o falecemento temperán de José Luis Cabo Villaverde, compostelán, historiador da fotografía, fotógrafo, investigador e director do Centro Galego de Artes da Imaxe, hoxe Filmoteca de Galicia, entre 1999 e 2006. Cabo percorreu Galicia nos anos oitenta para fotografar salas de cine que xa daquela estaban en proceso de abandono, reconversión ou desaparición. Aquel traballo, realizado sen unha estrutura institucional detrás, constitúe hoxe un dos rexistros máis amplos dun patrimonio arquitectónico, visual e social que mudou de maneira definitiva.
Cine Rex en Mugardos / José Luis Cabo / Fundación Barrié, Cines de Galicia (2012)
Segundo explicou Xosé Nogueira, o fenómeno que documenta o libro comezou a acelerarse nos anos setenta, cando se produciu unha transformación profunda no comercio cinematográfico mundial. Nese momento, a chamada sala única, o cine cunha soa pantalla, deixou de ser viable en moitos lugares. “Isto comportou a desaparición do cine entendido no sentido tradicional do termo”, sinalou o profesor.
Nogueira explicou que aquela mudanza respondeu a
unha combinación de factores industriais, económicos e sociais. Cambiou o
sistema de distribución, mudaron os públicos e as produtoras comezaron a
dirixir boa parte da súa oferta a espectadores máis novos. Ao mesmo tempo, a
chegada da televisión aos fogares e, posteriormente, dos soportes domésticos
alterou o lugar que ocupaba o cine na vida cotiá.
O impacto foi dobre. Nas cidades desapareceron
moitos cines de barrio, que funcionaban como salas de reestrea e
como segundo circuíto das grandes estreas. Nas vilas e no rural, pecharon
espazos que durante décadas foran practicamente o único espectáculo estable.
“En calquera vila galega había cando menos un cine”, lembrou Nogueira. En
localidades como Bueu ou Cangas, por exemplo, existían varias salas.
O profesor subliñou que o peche destes espazos supuxo a desaparición dunha maneira de entender o cine como experiencia colectiva. “Un cinema era un espazo cultural de lecer que artellaba a comunidade no rural e, desde logo, nos barrios era unha fonte de encontro, de desfrute e de lecer moi importante”, afirmou.
Cine Rialto en Camariñas / José Luis Cabo / Fundación Barrié, Cines de Galicia (2012)
Cine Galicia de Noia / Cando cada vila tiña unha sala: a historia social que agochan os antigos cines galegos
A reportaxe visual de Cabo sitúase precisamente nese momento de tránsito. As súas imaxes recollen fachadas, rótulos, billeteiras, ruínas, salas reaproveitadas e edificios convertidos en bares, discotecas, comercios ou casas da cultura. Pero, como destacou Jesús Ángel Sánchez García, non son só fotografías de arquitectura. Son tamén imaxes de situacións, nas que aparecen coches, persoas, rúas, carteis, aceras, sombras e elementos cotiáns que axudan a reconstruír o mundo que rodeaba aqueles cines.
Sánchez García salientou que Cabo non se
limitaba a fotografar edificios. Buscaba o contexto, a escena e a narración
visual. “As fotos non son fotos de fachadas, son fotos de situacións”, explicou
durante a presentación. Nelas aparecen tamén elementos de patrimonio gráfico,
como rótulos pintados á man, letras de neón, sinais comerciais, cartelería ou
billeteiras de madeira, metal ou pedra.
A dimensión patrimonial do libro vai máis alá da
arquitectura. As imaxes permiten observar proxectores, cabinas, mesas de
rebobinar, altofalantes e outros elementos técnicos vinculados á exhibición
cinematográfica. Para Sánchez García, todo iso conforma unha sorte de arqueoloxía
do espectáculo cinematográfico, un patrimonio material e visual que durante
moito tempo non foi atendido coa mesma intensidade ca outros bens culturais.
O editor da obra, Xosé Enrique Acuña, explicou
que Cabo fixo este traballo movido pola conciencia de que moitos daqueles
espazos ían desaparecer. O fotógrafo percorreu estradas, vilas, aldeas e
parroquias preguntando por antigos cines, salas abandonadas ou locais
reconvertidos. Moitas veces, segundo relatou Acuña, a información chegaba por
veciños, historiadores locais ou persoas que lembraban a existencia dun antigo
salón de cine nun lugar determinado.
Acuña destacou que a iniciativa tivo unha
dimensión excepcional. Segundo indicou, non coñece outro traballo semellante no
Estado que reúna, a partir dunha mesma ollada fotográfica, un inventario tan
amplo dos cines dunha comunidade autónoma. O fondo de Cabo chegou a superar
os 2.000 rexistros, dos que agora se seleccionaron 400 imaxes para
estruturar o libro.
A edición organiza ese material en diferentes
bloques: tipografías, rótulos, billeteiras, paisaxes de abandono, edificios en
ruínas e novos usos das antigas salas. Nese percorrido aparecen cines
transformados en fruterías, discotecas, bares, locais bancarios, salas de
concertos ou centros culturais. Tamén se documentan espazos derrubados ou en
estado avanzado de deterioración.
Para Nogueira, unha das claves da obra é que
permite ler a historia recente de Galicia a través dos seus cines. Estes
espazos foron lugares de encontro, pero tamén reflectiron as mudanzas
políticas, económicas e sociais do século XX. Os nomes das salas, por exemplo,
falan de épocas e mentalidades distintas. Durante o franquismo apareceron
denominacións como Imperial ou Americano, mentres
que outras procedían de tradicións máis anteriores ou cosmopolitas, como os
cines chamados Odeón.
O réxime franquista, lembrou Nogueira, promoveu
a construción de cines durante as súas primeiras décadas porque comprendía o
valor do cinema como medio de difusión ideolóxica. Antes de cada película
proxectábase obrigatoriamente o NO-DO, de maneira que as salas se
convertían tamén nun instrumento de propaganda. “O cine era un lugar de
propaganda”, resumiu o profesor.
Mais o cine era, ao mesmo tempo, un espectáculo
popular e accesible. Nogueira lembrou que nas décadas de 1920, 1930 ou 1940 a
entrada podía custar o equivalente a unha barra de pan. Iso convertíao nunha
actividade asumible para amplas capas da poboación. Fronte ao teatro ou á
ópera, máis vinculados ás clases burguesas urbanas, o cine converteuse no
grande espazo de lecer das clases medias e populares.
As sesións tamén eran diferentes ás actuais.
Antes da longametraxe proxectábanse noticiarios, curtas, debuxos animados ou
pequenas pezas pensadas para un público familiar. O cine podía funcionar como
refuxio no inverno, como espazo fresco no verán ou como lugar de ensoñación por
un prezo reducido.
Coa crise da sala única chegaron os minicines e
despois os multicines. Os primeiros estiveron moi ligados ao final
do franquismo e á posibilidade de exhibir filmes antes prohibidos pola censura.
Moitas destas pequenas salas funcionaron como espazos de arte e ensaio, pero
tiveron unha vida breve. Logo impúxose o modelo de varias pantallas nun mesmo
local, con menos persoal e cunha lóxica máis industrializada.
Ese proceso afastou parte do público adulto e
cambiou a experiencia cinematográfica. Desapareceron os acomodadores, os
grandes patios de butacas, os palcos, os vestíbulos e unha maneira de asistir
ao cine que, en moitos casos, conservaba trazos herdados do espectáculo
teatral. Nogueira lembrou o exemplo do Gran Cine Fraga, cunha
pantalla inmensa e acomodadores con librea, como mostra dese mundo xa
desaparecido.
A arquitectura dos cines tamén evolucionou. Nos
primeiros tempos, moitos edificios eran híbridos entre teatro e cine, con
escenario e pantalla, preparados para acoller representacións teatrais,
concertos e proxeccións. A partir da influencia da arquitectura moderna e do
racionalismo, os edificios comezaron a deseñarse especificamente para o cinema,
con patios de butacas en pendente e solucións adaptadas á visión da pantalla.
O libro de José Luis Cabo permite seguir esa
transformación desde a materialidade dos edificios. Mais tamén amosa o seu
abandono. Hai cines que se converteron en ruína, outros que perderon a súa
función orixinal e outros que foron absorbidos por novos usos urbanos e
comerciais. Nogueira lembrou o caso do Salón París da Coruña,
considerado o primeiro edificio construído en Galicia especificamente para
proxectar películas, que rematou convertido noutro tipo de establecemento
comercial.
A dificultade do traballo de Cabo foi tamén
xeográfica. Galicia, pola súa estrutura de poboamento, con milleiros de
parroquias e núcleos espallados, facía case imposible elaborar un mapa previo
completo. O fotógrafo tivo que buscar, preguntar, contrastar e localizar
edificios que moitas veces só permanecían na memoria veciñal. Nogueira definiu
esa tarefa como “un auténtico traballo de historiador”.
José Luis Cabo xa desenvolvera investigacións
textuais sobre o cinema e os espectáculos precinematográficos, especialmente en
Compostela. O seu libro sobre os cinematógrafos composteláns marcou unha liña
de traballo rigorosa sobre a historia local da exhibición. Con todo, o proxecto
fotográfico dos cines galegos quedou sen o discurso completo que el podería ter
construído arredor das súas imaxes.
Acuña explicou que a edición actual é, en parte,
unha homenaxe ao amigo e ao investigador, pero tamén unha maneira de devolver á
sociedade un material que non podía quedar gardado. A selección das 400
fotografías buscou respectar a ollada de Cabo, os seus intereses estéticos e os
elementos que máis lle chamaban a atención: as tipografías, os coches, os
rótulos, as arquitecturas populares, os novos usos e a tensión entre o
documento e a creación fotográfica.
Na presentación, os participantes coincidiron en
salientar a xenerosidade intelectual de Cabo, a súa capacidade para abrir
camiños na investigación audiovisual galega e o seu papel na recuperación da
memoria fotográfica e cinematográfica do país. Nogueira lembrou a súa
participación en proxectos vencellados ao Arquivo da Imaxe, ao CGAI, á
documentación da fotografía galega e á investigación sobre os espectáculos
precinematográficos.
[Fonte: www.historiadegalicia.gal]




Sem comentários:
Enviar um comentário