A asociación Axuntar denunciou un novo incumprimento por parte do Goberno do Principado de Asturias da normativa sobre protección lingüística ao non empregar o galego na sinalización de edificios públicos e estradas situadas en zonas galegofalantes. A entidade considera que a situación evidencia un descoñecemento ou un desprezo cara á realidade lingüística de milleiros de persoas.
Sinalización en asturiano
Axuntar, a Asociación para a Normalización do Galego de Asturias, denunciou un novo incumprimento por parte do Goberno do Principado de Asturias da Lei 1/1998, do 23 de marzo, de uso e promoción do bable/asturiano. Nesta ocasión, a entidade critica a utilización do asturiano en distintos elementos de sinalización, tanto en edificios públicos como en estradas de titularidade autonómica, malia estaren situados en zonas nas que a lingua propia é o galego.
A asociación
lembra que a disposición adicional da propia norma estabelece que o
galego-asturiano debe recibir un tratamento similar ao
asturiano en materia de protección, respecto, ensino, uso e tutela dentro do
seu ámbito territorial. Por iso, considera que a actual situación supón
un incumprimento da lexislación vixente.
Desde Axuntar sosteñen que, agás que exista unha
intención de avanzar cara á desaparición da lingua de milleiros de habitantes,
estas actuacións só poden responder a "un descoñecemento absoluto
da realidade da zona ou a un desprezo tamén absoluto e
imperdoábel pola cultura e o idioma".
Entre os exemplos citados figuran a sinalización dos xulgados de Castropol, onde aparece información en castelán e asturiano, pero non en galego, ou un sinal de entrada ao concello de Grandas de Salime na estrada AS-12, procedente de Pezós, no que figura a palabra "conceyu". A entidade critica que se empregue o asturiano nun territorio onde, aseguran, a lingua tradicional é o galego.
A asociación considera ademais que o Goberno presidido por Adrián Barbón está a desprazar o galego do seu propio ámbito territorial e cuestiona tamén a utilización da denominación "eonaviego". Ao tempo, anima a cidadanía a comunicar novos casos semellantes nos 18 concellos galegofalantes de Asturias e a informar de erros detectados na toponimia oficializada nos últimos anos.
[Fonte: www.nosdiario.gal ]

Sem comentários:
Enviar um comentário