![]() |
| 'A grande onda de Kanagawa', de Katsushika Hokusai |
Historiadora da arte, crítica e comisaria de exposicións
O escritor
holandés Cees Nooteboom, recentemente falecido, tiña a marabillosa capacidade
de relatar a historia máis documentada cunha linguaxe literaria sempre amena e
fluída, seducindo desde o primeiro momento o lector nunha rede de coñecemento e
sabedoría. A miúdo as súas crónicas viaxeiras e as súas reflexións sobre
pintura buscan achegar ese punto de xogo dialéctico entre a obra artística e a
biografía do autor, sendo o suficientemente astuto como para lograr
persuadirnos a entrar nun cuarto en silencio de Hopper ou noutro cheo de
misterio pintado por Vermeer, viaxar nunha ruta turística polo Xapón desde unha
exposición de Hokusai en París e recitarnos á vez un poema grego. Ante unha imaxe
na Galería dos Uffizi sentiu que quedaba atrapado: "O cadro tira de ti con
avidez, non tes escapatoria". Pois o mesmo nos pasa aos lectores cos seus
libros.
Arte que perdura
Cunha sólida cultura, Cees
Nooteboom recoñecía que só lle interesaba a arte sometida a unha
reinterpretación continua por parte do tempo, unha idea cabal tendo en conta
que a creación, en xeral, perdura nunha cadencia constante de novas lecturas, o
que fai que con cada innovadora hipótese se actualice a súa frescura. As obras
que non se dobregan a este escrutinio tenden a desaparecer.
As distintas batidas de análise no ámbito da arte ampliáronse de xeito considerable nas derradeiras décadas, progresando de xeito eficaz con ángulos xa coñecidos como o da investigación puramente técnica, determinando por exemplo a antigüidade e identificación dos materiais, ata un exame crítico desde a historia estilística ou social e máis recentemente incluso abordando elementos, cando menos infrecuentes, desde a ciencia. A neurociencia, a medicina, a botánica ou a meteoroloxía son dos últimos achegamentos que afondan no cerebro dos retratados, nas enfermidades representadas, nas plantas e flores dos bodegóns barrocos ou que reparan nas nubes que voan nos ceos tormentosos de Turner e nos surrealistas de Magritte.
Preservar
a memoria dunha creación é, como afirmaba Cees Nooteboom, reinterpretala no
tempo
Pódense facer cábalas infiltrándose nos enigmas dos cadros como fixo Agustín Sánchez Vidal no Museo do Prado, do mesmo modo buscar respostas especulando divertidamente como as investigacións de Jean-Philippe Postel en El affaire Arnolfini. Alberto Manguel, Jhon Berger, Victoria Combalía, Joan Fontcuberta ou o propio Cees Nooteboom son algúns dos que teñen contribuído a fiscalizar a creación con imaxinativos razoamentos, as máis das veces bastante poéticos. Todo pode ser reinterpretado coa conveniencia que se queira porque a arte está en continuo movemento e a día de hoxe seguen a existir mundos non profanados.
Agora ben, aínda que se contemplan novas miradas, que
sempre descobren algunha interesante e inédita visión, hai unha lectura que
segue a ser tema sempiterno de debate. Formulámolo cunha pregunta: unha
perniciosa biografía pode depreciar a obra dun artista? Desde que Vasari
implantou o método biográfico no Renacemento, esa polémica é unha constante.
Os partidarios de afastar o lado escuro da vida, evitando os asuntos máis escabrosos, consideran esta opción como un exercicio plástico sen lerias externas que os perturbe. Defenden a liña de abstraerse e mesmo diante dun cadro de Picasso esquecer que era un misóxino, non ter en conta a aproveitada afinidade co franquismo de Dalí, compracerse coas bucólicas "ensosoñacións" do filósofo Rousseau mentres, un por un, vai deixando os seus fillos no hospicio, deleitarse cunha ópera de Richard Strauss sabendo que foi un colaboracionista dos nazis... Sen dúbida, pode ser un xeito viable de entender a historia: recoñecer a obra en si, obviando calquera dato incómodo da biografia.
Memoria
Mais
tamén está a outra posibilidade, que non cancela a parte creativa –porque a
libre expresión artística, agás casos contados, debe prevalecer–, pero que a
contextualiza. Aínda que os códigos morais, culturais ou ideolóxicos non sexan
os nosos, emocionalmente experimentamos, para ben ou para mal, algo distinto se
sabemos as circunstancias nas que se creou. Diante dunha pintura de Artemisia
Gentileschi, das fotografías de Dora Maar, cando vemos unha peza de Camilo Díaz
Baliño, Castelao ou Francisco Miguel, lemos un poema de Lorca ou de Fatma
Nazzal… tomamos conciencia do sufrimento que hai detrás.
Preservar
a memoria dunha creación é, como afirmaba Cees Nooteboom, reinterpretala no
tempo, pero sempre nese equilibrio de relación coa biografía, incluso sendo
esta abominable.
[Foto: Museo Metropolitano de Nova York - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário