sábado, 9 de maio de 2026

O insólito proxectado no cotián

Fran Alonso fai unha proposta híbrida a partir da incrible e insólita noticia, pero real, da detención dunha vaca por pastar en herba pública nunha vila costeira galega  

O escritor e editor Fran Alonso 

Escrito por Ramón Nicolás                                                                       

Esa conexión consciente, performativa e lúdica, con outras pezas do autor, serpeando sempre polo medio de referencias cruzadas que alimentan un diálogo constante con pezas anteriores do autor, e non só, constrúe dalgún xeito Cáncara

Libro, malia todo, de difícil adscrición ou catalogación, incorpora con efectividade unha mestura de elementos que beben do xornalismo, da memoria, da historia, da ficción, da metaliteratura, da sátira ou mesmo da fábula. Velaquí, así pois, unha proposta híbrida e heterodoxa erixida a partir da incrible e insólita noticia, pero real, que daba conta do apresamento e detención dunha vaca por pastar en herba pública nunha vila costeira galega.  

Circula, por estas páxinas, unha interrogación permanente sobre os esteos dun poder local que protagonizou un feito ocorrido no ano 1983 e como este se proxectaría no presente, isto é, nun tempo onde se normalizamos a presenza da mentira. Para isto, Alonso opta por un discurso coral onde unha serie de voces abordan o acontecemento desde diversas perspectivas: velaí a da propia vaca detida, a dun espírito errante que mantén un suxestivo debate sobre a creación literaria coa voz que simboliza o autor que, ademais, considero unhas das páxinas máis brillantes da novela, alén doutros discursos individualizados non menos importantes como unha xornalista, o propietario da vaca e a voz do pobo (perfilada con moita ironía, ao meu ver) que axudan a internarnos por unha amálgama de visións deste feito raiano co ridículo e ollado, así, desde atalaias distintas e complementarias. 

Cáncara testemuña a querenza do autor polo ritmo áxil e secuenciado, onde se transloce talvez unha maior preocupación tanto polo rexistro literario como por incorporar unha pegada inequivocamente lírica en moitas pasaxes. Quen dubida que destaca aquí tanto a crítica á práctica dun poder, en aparencia absurdo mais onde se agochan outras intencións, como a relevancia que posúen os medios de comunicación, mesmo unha imprevisible chamada á revisión necesaria do que foi a colonización española en América. Páxinas nas que hai moito de memoria colectiva e, igualmente, desoutra que afonda as raíces no universo persoal do autor. 

 

[Imaxe: Miguel Villar - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário