Francisco
Vázquez (Chantada, 1956) reúne en Tríade (Toxosoutos) tres
poemarios escritos entre os anos 1996 e 2006: A forza das cousas, A
historia que sabemos é vivir e De a diario e de leóns. Con esta
escolma de poemas, Vázquez demostra unha evolución que vai desde o cotián e
intimista até unha poesía máis breve e incisiva. Trátase dun percorrido pola experiencia
vital desde a sinxeleza, a memoria e a reflexión.
 |
| O escritor e poeta Francisco Vázquez |
Por Sergio
Casal
—Tríade reúne unha década de
creación literaria. Cal é a evolución
poética do libro?
Tríade abrangue un período de creación poética que
vai desde 1996 até 2006. É unha escolma que tiven que facer entre moitos
poemas, algo que é moi complicado. O que pretendía con esta escolma era darlle
certa uniformidade aos tres poemarios que compoñen o libro, quitando os poemas
que se saían da homoxeneidade do conxunto para conseguir unha orde. Durante esa
década que abrangue Tríade tiven o impulso de facer poesía, que era algo que aínda
non fixera, xa que o meu xénero era a novela. Estamos falando de hai vinte
anos, e non fixen máis poesía nin teño pensado facer.
—A
forza das cousas atende
ao cotián e ao ritmo vital dos días. Como lle inspira a rutina?
A forza das cousas fai referencia ao poder que nas nosas vidas
teñen as cousas máis cotiás, as que forman a columna vertebral do que vivimos.
Un dos meus libros de cabeceira é Siddhartha, de Hermann
Hesse, e sempre me acollín a el. Siddhartha entra en contacto cos brahmáns e co
propio Buda, pero non é quen de atopar o sentido da vida, algo que si atopa con
Vasudeva, un sinxelo e feliz barqueiro que cruza a xente dunha ribeira á outra
do río. A min inspírame esa idea de que a felicidade e o sentido da vida están
nas cousas máis sinxelas.
—A historia que sabemos
é vivir ten
unha dimensión máis íntima. Como mudou a súa voz nese período?
É unha evolución natural que responde ao período concreto no que eu fago este
poemario. Ten certa continuidade co anterior, porque segue a ser un xeito de
ilustrar que, o que facemos, é vivir.
Sen máis, sen grandes complicacións nin grandes
teorías. As nosas historias están nas vivencias persoais do día a día.
Vivencias que, neste poemario, poden ter un matiz máis intimista. Por
outra banda, así como o primeiro poemario é moi fresco, espontáneo e natural;
quedo coa idea de que neste segundo poemario hai unha revisión dos textos que
lle dá máis densidade formal.
—En De a diario e de leóns aparece
unha poesía máis breve e incisiva. Como chega a este estilo?
Aquí prodúcese un salto no estilo poético. Os poemas tenden á brevidade e á
concisión. Ademais, son poemas que abordan temas que poderían tocar a calquera
persoa: a luz, a beleza, a dor, as pegadas, os combates... É diferente aos
outros dous poemarios, con cambios a nivel formal. Os poemas son incisivos e
concluíntes, rematando case con definicións sobre diferentes elementos como o
frío, a luz, a dor ou a beleza, por exemplo.
—Que
significado ten para vostede publicar estes poemas tantos anos despois?
A miña visión da publicación de poesía era e –posibelmente– segue a ser algo
pesimista. Desde o punto de vista editorial, a poesía non vende moito, excepto
contadas excepcións. Isto non quita que teñamos que estar tremendamente
orgullosos da calidade da poesía das nosas poetas, algo que claramente nos
distingue. Pola miña parte, aínda que estiven tempo sen presentar estes poemas,
o feito de poder publicar agora con Toxosoutos é algo que me fai sentir moi Ben.
[Fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário