Escrito por Xavier Queipo
Se o eco dos libros semella ter entre nós obsolescencia programada, o dos
premios tal parece que vai polo mesmo camiño. Quen lembra dúas semanas despois quen gañou un premio,
que foi merecente, no máximo, dunha pequena nota nun xornal (ou en varios),
mais sempre no contexto dunha gala maior, onde se cadra outros dos premiados
foron recoñecidos en destaque nos titulares? Talvez a propia premiada ou premiado,
os editores, os contactos nas redes sociais, os familiares e amigos e, con
sorte, os presentes na recollida do premio, e alguén que pasaba por alí
lembrarán o título e a eventual lectura, mais o efecto na opinión pública
lectora será mínimo.
Agora que se van esfumando na brétema mesta do ruído ambiente os últimos ecos dos Premios Follas Novas, ocórreseme pensar que outros libros foran talvez merecentes de estar entre os finalistas. Mais non é unha boa idea, parecería que estou criticando o labor de xurados, en primeira e segunda instancia, que así se escollen estes premios. Tampouco estou desmerecendo os finalistas nin quen levou o premio, simplemente chamo a atención sobre un libro que considero de mérito. Non, non desmerezo o traballo de ninguén, non está no meu estilo, aínda que pareza ser norma de uso nesta sociedade doente á que retornei logo de varias décadas de ausencia. Nin moito menos, nin se me pasaría pola cabeza, criticar o traballo honesto de ninguén, pois sei o que custa escribir un libro, revisalo mil veces, atopar un editor sensíbel, esperar, ás veces con ansia, polos comentarios de análise, que as máis das veces... non chegan. Simplemente quería falar dun libro que considero de mérito, e enmarcalo nun sistema que, apagados os focos, borra da memoria calquera premio ou agasallo recente.
'A vida a arder', de Abraham Pérez © Editorial Galaxia
Sen máis
introitos paso a contarlles que A vida a arder foi publicado a finais
de 2025. Trátase dunha novela
ou dun conxunto de relatos nos que conflúen personaxes e situacións arredor do Vercón, un
barrio de Lugo. Polo que se conta e
polo que se intúe imaxino ese lugar como áspero, difícil, de onde custa
traballo saír, aínda que a moitos dos seus habitantes lles gustaría explorar
outras opcións na vida.
Como a meirande parte dos libros que falan
dunha deriva xeracional, este é un libro con banda sonora e banda literaria, é
dicir inzado de referencias musicais, literarias e cinéfilas. Pasan polas súas páxinas, entre outras alusións
pormenorizadas: Ted Hugues, Nick Cave and the Bad Seeds, Nikos Kazantakis,
Federico Felini e Kenzaburo Oé, Xosé Cid Cabido, o de ‘Bloomsdai’,
e Abraham Boba, The Doors e Alejandro Zambra, o do ‘Bonsai’ ou
‘Formas de volver a casa’, Manganelli o de ‘Centuria’, mais tamén José Ángel Valente, Juan
Carlos Onetti, Carlos Casares e o agora case esquecido Anxo Rei Ballesteros, a
quen xa lle vai tocando, ao meu parecer, un Dia das Letras Galegas.
Nalgunha das pasaxes, o estilo é de novela coral cun
toque de realismo sucio, de precariedade laboral e sentimental. Noutras, como
na sección ‘O xogo da moeda’, un grupo de
amigos acoden á mansión dun membro do grupo que pertence a unha familia máis
acomodada e burguesa, a así, falando do nada cotiá, comendo e bebendo arredor
dunha piscina, fixeron acordar en min a lectura de ‘Less
than Zero’, de Bret Easton Ellis.
Noutra sección, a da ‘Carta
desde Seúl’, a distancia de quen escribe resulta nunha tensión entre
realidade sentida e soñada. A carta ben podería ser enviada dende Nova York ou
Bos Aires, ou calquera outra desas metrópoles -sumidoiro ou refuxio- a onde un
fuxe para esquecer ou para lembrar ao detalle, dependendo das necesidades de
cada momento. Nesa carta fálase da nenez da xeración Xabarín Club, onde os
nenos foron criados afoutos, preparados para un mundo difícil. Esa é a xeración
de Abraham, que coas súas contradicións e grandezas desfila por estas páxinas
que son, ao tempo, ficción e crónica, nunha mestura feliz.
Ao longo
das varias seccións narrativas, algunha delas de diálogos encadeados, hai unha
referencia recorrente a vinte anos atrás, unha especie de fractura emocional á
que se retorna cando un se achega á etapa central da vida. Suponse que o
protagonista arredor do que se articulan as máis das seccións, debe andar máis próximo
dos 40 que dos 30 anos, o que fai que por veces os personaxes procuren
referencias nostálxicas, cando eran novos e estabamos vivindo mais todo estaba
por vivir (pasounos a todos). Pasados esfiañados, conversas tensas ou atómicas,
ingrávidas ou inanes, para configurar unha sensación de que, ben mirado, o
tempo pasou coma un foguete, que como dicía o tango ‘vinte anos non son nada’.
Así, por unha físgoa diminuta podemos entrever o pasado, mais ficamos diante
dun muro de néboa e resulta imposíbel albiscar o futuro.
E como ecosistema, o barrio do Vercón,
versión local dun escenario mítico da alteridade, dunha historia pasada e dura,
da que todos os rapaces queren fuxir (os vellos saben que non poden fuxir),
pois os que fican no barrio envellecen na nimiedade existencial, nas rutinas
recorrentes e tristes, no nada cotiá.
Se ese ecosistema de fondo espazo-temporal
(o barrio de Vercón, vinte anos atrás) configura a acción e os diálogos, a
alternancia de testemuños e lembranzas, a variabilidade de puntos de vista
estéticos no desenvolvemento de cada sección do libro, fan que nos atopemos
diante dunha libro do maior interese, quer filosófico, quer formal.
Para rematar, dicir que como todas as novelas/narracións xeracionais, está ten o seu vocabulario propio, non excesivamente complexo, mais que remite claramente a un lugar e a unha época. O aderezo das referencias fílmicas, literarias e musicais das que falei antes, axudan a coutar o ecosistema, pois se hai algunhas referencias que son importantes para unha xeración, en particular a música, outras, como as literarias, poden resultar máis específicas do/dos personaxes desta narración específica.
Como resumo, dicir que na miña
opinión, ‘A
vida a arder’ resulta un conxunto de relatos ou mellor de seccións
narrativas dun todo, que configuran un deseño xeracional dos que agora frisan
os 40 anos. Existen, por descontado, outras realidades posíbeis, por
iso o ecosistema a que se refire está centrado de xeito espazo temporal, o que
é de agradecer, pois non pretende xeneralizar senón precisar a xeito de crónica
e ficción localizada, que é o que se pode esperar dun escritor, que sexa
testemuña do seu tempo.
Así,
pola realidade que trata, a da
precariedade xeracional, e polo estilo, cambiante, mudábel, rico en matices,
esta obra , ‘A vida a arder’, merecería
atención de crítica e público. Eu expliqueilles porque na
miña opinión, mais supoño que haberá outras lecturas e outras aproximacións
literarias ou comerciais. Xeración arriba ou abaixo, vivimos todos nun mundo
difícil.
[Fonte: www.praza.gal]


Sem comentários:
Enviar um comentário