Escrito por Ramón Nicolás
Fred Uhlman
Reencontro
Galaxia, Vigo, 96 páxinas, 12,90 €, 2025
Ben é certo que existe unha tradución ao galego deste breve libro desde hai vinte e oito anos. Miguel Pérez Romero asinaba xa daquela a tradución que agora ve de novo a luz cun cambio de imaxe moi acaído. Por diversas razóns non cheguei a este libro até hai unhas semanas e non podo deixar a ocasión de sinalar, con brevidade, algunhas das favorables impresións que me causou a súa lectura.
Reencontro, así pois, é un libro que publicou, comezada había pouco a década dos anos setenta do século pasado, Fred Uhlman (Stuttgart, 1901-Londres, 1985), que vivira a súa nenez e mocidade entre a Selva Negra e o lago Constanza, naquel país que transitou da experiencia democrática da República de Weimar ata progresión ininterrompida de Hitler e o nazismo. E velaquí un dos eixes fundamentais que alimentan esta novela, publicada por un autor que sufriu o exilio desde 1933 ata que recalou en Londres para dedicarse á pintura e á produción literaria.
En efecto, case resulta imposible achegarse a estas páxinas sen entender que as súas liñas se asentan nunha reflexión autobiográfica sobre a amizade nun contexto político e social onde as diferenzas sociais van converténdose nun abismo infranqueable entre os Hohenfels e os Schwarz que vivirán, malia unha ollada común ao mundo desde as instancias da literatura e da filosofía, unha existencia que proxectará destinos cruzados para sempre.
Uhlman non se deixa levar, en ningún momento, por lirismos lacrimóxenos: antes ben expón unha historia, arraigada no amentado proceso histórico, relatada con pulso contido, desde unha inspiración fragmentaria que desemboca nun final verdadeiramente inesperado e ao que cómpre agardar porque o que se relata é un “reencontro” instalado na evocación e na memoria, activada a partir dun pequeno detalle que neste caso son as liñas dunha carta recibida.
Un volume que, desde o momento histórico que vivimos, talvez sexa máis necesario que nunca e para todas as idades. Ademais, no caso de que sexa necesario, a obra cunha versión cinematográfica, con guión de Harold Pinter baixo o título de Reunion (1989) e cun relato complementario do mesmo autor titulado Unha alma valorosa (1985), aínda non traducido ao noso idioma.
[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário