Moncho Seixo (Vigo, 1959) reúne en 'Non todo o que cae na rede é peixe' (Morgante) 500 "xoias" da fraseoloxía galega. O volume recolle expresións xa ben coñecidas entre as persoas galegofalantes e outras documentadas por primeira vez, locucións que o autor chama a empregar e a popularizar para fortalecer a lingua.
 |
| O profesor Moncho Seixo na redacción de 'Nós Diario' |
Escrito por Susana Rois
—Conta moitos anos de estudo e varios traballos publicados. De onde vén a súa querenza e interese pola fraseoloxía galega?
Vén dos meus anos como profesor na Escola Oficial de Idiomas de Vigo. Despois de traballar en institutos de secundaria, a finais dos 80 aprobei a oposición e dei o salto ás escolas de idiomas. Foi aí cando comecei a interesarme pola fraseoloxía. Lembro a primeira expresión que xurdiu na aula de maneira espontánea: "Bruto como un arroás", que a dixo unha alumna de Muxía. A partir de aí ocorréuseme crear un colectivo para recoller fraseoloxía e refraneiro, e no ano 2000 publicamos o Dicionario Fraseolóxico Galego. Desde entón conseguimos moita máis información e fixéronse traballos moi bos, por exemplo, sobre a fraseoloxía do concello das Neves (O Condado), do Cachafeiro, en Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes), e mesmo da parroquia de Matatamá, en Vigo, publicados na revista Cadernos de fraseoloxía, creada por Xesús Ferro Ruibal.
—Que din da lingua e da fala galegas as "xoias fraseolóxicas" coas que foi batendo ao longo dos anos? Que riqueza agochan?
A fraseoloxía reflicte a vida do pobo e, polo tanto, é parte da nosa cultura. As palabras que máis usa son as máis correntes, por iso son habituais expresións con plantas, como 'prender nunha silveira' ou 'xoto como un toxo', referido este a quen se amosa pouco cariñoso ou pouco sociábel. E na costa, son frecuentes as unidades fraseolóxicas relacionadas co mundo pesqueiro, como 'enlear o palangre', complicar as cousas, ou 'meter unha boa xarda', que sería enganar alguén. Ademais, a fraseoloxía dá conta da retranca e do enxeño galegos, así como da abundancia de expresións propias para expresar alegría, boa sorte, sorpresa, urxencia, orgullo, crítica, mal humor...
—É unha das motivacións deste volume dar conta de todas as posibilidades que ofrece o galego sen recorrer a expresións alleas, nomeadamente do español.
Un dos obxectivos ao comezar este traballo era presentar e explicar ben tanto unidades fraseolóxicas coñecidas como outras que son practicamente inéditas ou que estaban sen documentar, como 'traballar para quecer, máis vale morrer de frío', que lle escoitei dicir a unha peixeira do mercado de Vigo, ou esta outra que me trasladou un coñecido, que lle oíu a alguén que fora de compras a Portugal: "Fuches buscar fartura á casa da fame". Pero outra das motivacións foi esa, buscar equivalentes de expresións que son claros castelanismos e que mesmo figuran nos dicionarios galegos.
—Que fórmulas temos, propiamente galegas, para remudalas?
'Por suposto' é un dos castelanismos que máis se usa, cando temos moitas formas para traducilo: abofé, xaora, de certo, madía leva, con certeza. Outro caso, 'menos mal', cando temos aínda ben ou bo é. O castelán leva tanto tempo enriba de nós que tendemos a usar formas que non son nosas. Por iso animo a buscar certo diferencialismo, e no canto de dicir 'ao mellor', que recolle o dicionario da RAG, escoller a forma propia do galego: se cadra. En vez de 'tirar a toalla', dicir 'deitarse no rego'. Ou isto que se di agora de 'petalo' é 'facer barro' ou 'facer magas'. O certo é que das 500 unidades fraseolóxicas seleccionadas neste volume, só 10% figura no dicionario da RAG.
—O obxectivo último sería popularizar estas expresións, ditos de uso corrente, pero tamén todas esas xoias da fraseoloxía galega.
Iso é o difícil, tendo en conta os poucos medios que temos. A prensa case toda está en castelán e a nosa televisión bastante a miúdo non fai o que ten que facer. Pero hai que perder o medo a usar o galego e a fraseoloxía, e a casa é o ámbito onde se pode usar máis comodamente.
Como fuxir dun "calco" do castelán
Moncho Seixo consultou cancioneiros, dicionarios, libros, xornais, revistas e corpos informatizados para acabar de crear Non todo o que cae na rede é peixe. 500 xoias fraseolóxicas galegas, un manual que pretende contribuír ao "coñecemento e bo uso" da fraseoloxía galega, "bastantes veces descoñecida".
O profesor, afeito a unha escoita atenta que sempre o pon na pista de novas locucións, algunhas inéditas, outras de uso local, asegura que a tendencia, hoxe, "é a copiar do castelán tanto a fraseoloxía como o léxico", unha preferencia que nos devolve un "calco" dese idioma, cando existen, en galego, formas propias que chama a escoller antes ca esoutras máis comúns. "Mais non de forma mecánica".
Neste dicionario que vén de publicar presenta unha lista monolingüe en galego e outra bilingüe, máis precisa, co fin de evitar expresións alleas á nosa lingua e "innecesarias". "Sempre hai que buscar a forma máis axustada a cada contexto. Así, canto máis e mellor se use o galego e a fraseoloxía, máis iremos aprendendo".
[Fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário