quarta-feira, 18 de março de 2026

O tecnofascismo non é unha metáfora

 

Elon Musk, no Despacho Oval con Donald Trump en maio de 2025

Escrito por David Alvarado

Cando Elon Musk apareceu no escenario da toma de posesión de Donald Trump facendo o xesto que algúns comentaristas bautizaron como saúdo romano, moitos preferiron ler o momento como o exceso teatral dun millonario sen autocontrol. O filósofo franco-americano Norman Ajari non comparte esa indulxencia. No seu recente ensaio Technofascisme. Le nouveau rêve de la suprématie blanche, publicado a comezos deste ano, Ajari desenvolve un argumento que incomoda: o que estamos a presenciar non é a extravagancia de individuos con demasiado poder, senón a emerxencia dunha nova forma de gobernanza política con base ideolóxica identificable, infraestrutura material concreta e vocación decididamente transnacional. O tecnofascismo, sostén, non é unha metáfora nin un insulto de combate nin unha hipérbole militante. É unha categoría analítica cun contido preciso. 

 

A diferenza co fascismo histórico non é de grao, senón de estrutura. O do século XX precisaba partido de masas e Estado nacional como instrumentos de conquista do poder. O tecnofascismo do novo milenio prescinde de ambos. A súa base organizativa é a empresa e o CEO substitúe ao líder político clásico como figura de autoridade absoluta, con mando total sobre traballadores e amplos recursos sen control externo. Non precisa gañar eleccións nin gobernar un territorio. Aspira ao dominio de sistemas e fluxos sobre os que repousa a vida social, sendo precisamente a súa escala global o que o torna máis adaptable que calquera organización partidaria. Mentres o Rassemblement National (RN), a Alternative für Deutschland (AfD) ou Vox compiten dentro das regras democráticas, aínda que as erosionen desde dentro, as plataformas tecnolóxicas operan nunha dimensión onde as fronteiras estatais resultan intranscendentes. 

 

A xenealoxía deste movemento non é tan recente como podería aparentar. Xa en 1995, Peter Thiel e David Sacks publicaron The Diversity Myth, un texto que cuestionaba frontalmente o multiculturalismo nas universidades americanas e preparaba o terreo para o agromar dun elitismo explicitamente favorecedor das clases dominantes de ascendencia europea. Ese mesmo ano circulaba The Bell Curve, de Charles Murray e Richard Herrnstein, ensaio pseudocientífico que postulaba diferenzas xenéticas de intelixencia entre poboacións segundo a súa orixe racial. Os dous textos conforman a matriz ideolóxica e racial do supremacismo tecnolóxico occidental. En 2011, Thiel foi máis lonxe e publicou The End of the Future, fincando que só os homes brancos podían sacar á humanidade do estado salvaxe de natureza. Non é casualidade que tanto el como Musk medrasen na Sudáfrica do apartheid. 

 

A manifestación máis concreta desta cosmovisión chámase Palantir. A empresa de vixilancia fundada por Thiel presenta os seus produtos e servizos como ferramentas pretendidamente neutras de apoio á toma de decisións. O conselleiro delegado, Alex Karp, empregou un termo máis explícito e perturbador, subliñando que os programas informáticos da compañía serven para modelar kill chains ou cadea de pasos que facilitan a execución letal de obxectivos. Palantir equipa ás forzas israelís despregadas en Gaza e Irán, o ICE, milicia urbana de Trump, e á policía fronteiriza federal dos Estados Unidos, os servizos de intelixencia interior de Francia e numerosas corporacións do CAC40. Trátase do único fabricante de software que toma partido —e cobra— en guerras, deportacións masivas e operacións de espionaxe interior ao mesmo tempo, en continentes distintos, sen someterse a ningún control democrático. 

Sería un erro cómodo clasificar o tecnofascismo como fenómeno eminentemente americano que observar desde a distancia. Porén, a penetración en Europa é xa profunda e activa. As forzas armadas da OTAN integran eses sistemas no dispositivo militar aliado e a intelixencia interior de varios gobernos europeos depende deles. Cando Musk intervén publicamente en apoio da AfD alemá, de Marine Le Pen ou de formacións ultradereitistas no Reino Unido e mesmo no Estado español, non está a dar renda solta aos caprichos dun multimillonario aburrido, senón a executar con plena coherencia unha estratexia de penetración hexemónica que utiliza X como vector de difusión dun ideario onde o Occidente branco ostenta, en palabras de Ajari, o "monopolio natural sobre o futuro". O conglomerado empresarial-tecnolóxico e a plataforma dixital son dúas caras dunha mesma ofensiva. 

Fronte á escala da ameaza, Ajari recupera o concepto de "intercommunalism", desenvolvido por Huey P. Newton e as Panteiras Negras nos anos sesenta e setenta do pasado século. A proposta é a solidariedade activa e transnacional entre comunidades oprimidas como resposta política acaída fronte a poderes que non recoñecen fronteiras nin límites. O Estado-nación xa non é o marco suficiente para artellar unha resistencia efectiva. A pregunta que o ensaio deixa aberta —e que os movementos democráticos europeos aínda non responderon— é se existe unha capacidade real de construír esas cooperacións transfronteirizas antes de que o ente-compañía complete o proceso de substitución da forma-Estado. Nomear o que acontece con precisión é o primeiro paso. O tecnofascismo ten nome, ten historia, ten estratexia e ten recursos e infraestrutura. Xa ninguén pode alegar que non o viu vir. 

 

                                    Cuberta do libro 'Technofascisme. Le nouveau rêve de la suprématie blanche' 


[Imaxe: CC-BY-SA The White House - fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário