terça-feira, 24 de fevereiro de 2026

Unha antoloxía censurada de Alonso Montero, a piques de ver a luz

O informe da censura da época explicitaba un «no publicable» en base a criterios extraliterarios

«TRINTA ANOS DE POESÍA CRÍTICA 1936-1966». Cuberta escrita a bolígrafo por Xesús Alonso Montero. Esta obra verá pronto a luz da man da editorial Galaxia.

Escrito por Ramón Nicolás

Lémbroo ben porque era un día solleiro e concluíra o período das restricións ocasionadas polo estado de alarma derivado da covid-19. Alonso Montero e mais eu desprazámonos desde Vigo á biblioteca da Deputación de Ourense co obxectivo de recadar unha copia da antoloxía Trinta anos de poesía crítica, tras convencer ao autor da necesidade de dala a coñecer, como había pouco fixera co Dicionario da nova literatura galega (Xerais, 2021). No coche usou unha expresión que reiteraba bastante e era a de matar dous pombos dun tiro: en efecto, por alí estaba tamén Patricia Arias cun proxecto sobre Federico García Lorca, mergullada entre un océano documental que precisaría varias vidas para analizar e estudar. Escribo todo isto porque, en efecto, pasou bastante tempo e a edición daquela escolma debía estar publicada; mais o libro sufriu diversas peripecias coas que non contabamos. 

Dun ou doutro xeito, o relevante é que cando esta vexa a luz, que será en breve da man da editorial Galaxia, converteremos o libro nunha fermosa ocasión para que siga a perdurar na nosa memoria. Á devandita antoloxía poética, á que Alonso lle engadiu para esta edición un prólogo ad hoc —redactado, como era adoito nel, nunhas páxinas manuscritas que miran para min enriba da mesa de traballo— eu sumeille unhas páxinas limiares previas, alén de dispor a edición.

Obxectivamente, teño para min que é unha proposta relevante porque, alén do seu significado como achega crítica que incorpora textos poéticos, ás veces inéditos, cómpre ollala como un exemplo máis do férreo mecanismo de control ideolóxico do franquismo que foi inclemente coa antoloxía, como o foi con outra que organizara Xosé L. Méndez Ferrín por volta de finais dos anos sesenta e que aínda non viu a luz. 

Inclemente porque, aínda desde as instancias de certas limitacións coas que Alonso Montero operou, o informe da censura explicitaba un «no publicable» en base a criterios extraliterarios, subliñaba a intención «sediciosa» do autor e editor —publicaríaa Gráficas Tanco de Ourense— e xulgábaa como «atentatoria a la unidad nacional». De todo isto, e máis, falaremos en breve onde corresponda.

Desde os meus afectos, saúde e cante o merlo, don Xesús.

 

[Fonte: www.lavozdegalicia.es] 

Sem comentários:

Enviar um comentário