Escrito por Juan Oliver
Uns 2.500 millóns de persoas, é dicir, o 40% da poboación mundial, non teñen acceso a unha educación na súa lingua materna. Nin sequera a un ensino nun idioma que as nenas e os nenos comprendan e poidan falar con certa fluidez. Son datos da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), que advirte de que nalgúns países esta porcentaxe chega a afectar ao 90% do alumnado.
As consecuencias son dramáticas: das arredor de 7.000 linguas que se falan na Terra, máis de 3.000, segundo a Unesco, están en perigo extremo de desaparición. Entre os casos máis graves —porque contan con menos de dez persoas falantes vivas— atópanse o chung (Tailandia), o ongota (Etiopía), o njerep (Nixeria), o ter sámi (Rusia), o lemerig (Vanuatu) ou o tanema (Illas Salomón). No Perú, Amadeo García García, orixinario da conca do río Tigre, no departamento de Loreto, está rexistrado oficialmente como o último falante de taushiro. Tamén na Amazonía, mais no Brasil, quedaba un último falante de kawaishana ou kaixana que, segundo persoas expertas, podería ter falecido.
«A posibilidade de que un neno ou unha nena se eduquen na súa propia lingua non só afecta á pervivencia do seu idioma materno. Debería ser un dereito universal, porque as investigacións científicas demostraron que os sistemas educativos que exclúen a lingua materna reducen o rendemento académico dese alumnado, que ademais sofre taxas máis elevadas de fracaso escolar», explican por teléfono desde Ankara (Turquía) Miguel Paz, profesor e secretario de confederación do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG), e Carles Cabrera, tamén docente e secretario de normalización lingüística da Intersindical de Traballadores da Ensinanza (STE-i) nas Balears.
Eğitim Sen
Paz e Cabrera atópanse en Turquía para asistir a un simposio internacional sobre a educación na lingua materna, no que exporán, respectivamente, a situación de Galicia e das Balears —tamén participará Pello Igeregi, do sindicato vasco ELA—, organizado polo Sindicato de Traballadores do Ensino e da Ciencia de Turquía (Eğitim Sen). Trátase da maior central sindical do ensino público do país, con preto de 83.000 persoas afiliadas nun Estado cun único idioma oficial —o turco— e case unha ducia de linguas discriminadas: kurdo, a súa variante kurmanji, árabe, zazaki, armenio, ladino, grego, laz, circasiano, bosníaco, xeorxiano…
Fundado en 1995, o seu posicionamento laico e de esquerda na defensa da educación na lingua materna custoulle a Eğitim Sen unha persecución política e xudicial constante por parte de todos os gobernos de Turquía, incluído o actual de Recep Tayyip Erdoğan: ameazas de ilegalización, procedementos penais con acusacións de terrorismo contra persoas delegadas, despedimentos masivos de afiliadas e afiliados, detencións, encarceramentos e mesmo asasinatos de militantes… En marzo do ano pasado, o Goberno de Erdoğan puxo baixo arresto a toda a dirección do sindicato por apoiar as protestas civís contra as súas políticas.
![]() |
Hai uns meses, a central —integrante da Internacional da Educación e da Confederación Sindical Internacional, e que mantén relacións coa STE-i do Estado español— decidiu celebrar este 21 de febreiro, declarado pola Unesco día internacional das linguas maternas, un congreso mundial sobre esta cuestión para recoller experiencias de docentes de países e nacións sen Estado de todo o mundo, como Alemaña, Líbano, Siria, Irlanda, Escocia, Galicia, Euskadi, Balears ou Circasia.
Segundo Eğitim Sen, hoxe hai millóns de nenas e nenos no país —que conta cuns 88 millóns de habitantes— que seguen privados do dereito a recibir ensino na súa lingua. «A educación na lingua materna fortalece a liberdade de expresión das nenas e dos nenos e fai que os procesos de aprendizaxe sexan máis significativos e eficaces», afirma Zülküf Güneş, secretario xeral. «As investigacións demostran con claridade que a educación na lingua materna incrementa o rendemento académico, reforza a autoestima e contribúe á preservación da cultura e da identidade».
Unha estrutura que reproduce desigualdades
Güneş sostén que «as políticas de negación e asimilación danan a paz social, amplifican os traumas interxeracionais e converten o sistema educativo nunha estrutura que reproduce desigualdades» e que, pola contra, «a educación na lingua materna non é só unha preferencia pedagóxica, senón unha condición fundamental para unha sociedade democrática, unha paz duradeira e unha cidadanía en igualdade».
No caso do Estado español, Miguel Paz e Carles Cabrera lembran que España asinou en 1992 a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa, comprometéndose así, entre outros principios, a recoñecer e defender todas as linguas faladas no seu territorio como expresión da riqueza cultural, así como a prover os recursos necesarios para que formen parte do sistema educativo en todos os niveis.
«A educación na lingua materna non é só unha preferencia pedagóxica, senón unha condición fundamental para unha sociedade democrática, unha paz duradeira e unha cidadanía en igualdade», Zülküf Güneş, secretario xeral do sindicato turco Eğitim Sen
Porén, ambos lamentan que, décadas despois, nin sequera os idiomas con carácter cooficial —o catalán, o éuscaro e o galego— acadaron unha situación óptima. Así o advirten reiteradamente os informes do grupo de persoas expertas do Consello de Europa que avalían periodicamente a situación no país e alertan da grave discriminación que sofren as súas persoas falantes en ámbitos como a sanidade, a administración de xustiza ou as relacións coas institucións… especialmente no ensino.
No último destes informes, publicado en setembro de 2024, o Consello de Europa advertiu do perigo que supón para o catalán nas Balears «a baixa porcentaxe de alumnado que remata a educación primaria con competencias comunicativas sólidas» nesta lingua. «A consecuencia é que deixou de ser a lingua maioritaria en tres das catro illas: Mallorca, Eivissa e Formentera», apunta Cabrera. Só en Menorca se mantén por riba do castelán. Segundo unha enquisa do INE en 2023, o catalán xa só é a lingua materna do 36,1 % da poboación balear, e apenas un 27,3 % afirmaba usalo sempre no ámbito familiar.
O decreto de Feijóo
No caso do galego, como lembra Miguel Paz, a discriminación que supuxo o decreto da Xunta de Alberto Núñez Feijóo, que en 2010 eliminou o carácter vehicular da lingua propia de Galicia no ensino público de primaria e secundaria —prohibindo de facto impartir nela materias como matemáticas, física, química ou tecnoloxía— tamén está detrás da progresiva perda de persoas falantes, especialmente entre a xente nova.
En 2024, o Instituto Galego de Estatística revelou que, por primeira vez na historia, o galego deixara de ser a lingua máis falada da comunidade. Un ano despois, a Real Academia Galega constatou que quedan menos de 35.000 nenos e nenas de entre cinco e catorce anos —dun total de case 215.000— que falen galego de maneira habitual, o que achega a lingua ao «limiar do colapso» no seu uso cotián.
![]() |
Manifestación en defensa do galego o
pasado 17 de maio en Santiago con motivo do Día das Letras Galegas / Foto: Queremos
Galego
No simposio de Ankara, Cabrera, Paz e outro cento de docentes relatarán nas súas intervencións a súa experiencia como profesorado que defende, moitas veces en solitario e sen o apoio das administracións, o dereito das nenas e dos nenos a non seren discriminados na súa educación pola lingua que lles falaron seus pais ao nacer.
É o que lles acontece a centos de millóns de escolares nun planeta ao que semella importarlle pouco que, como demostrou un estudo do proxecto Enduring Voices (Voces Duradeiras) da organización National Geographic e do Living Tongues Institute for Endangered Languages, desapareza unha lingua cada dúas semanas: 26 ao ano, 2.600 nun século.
[Fonte: www.luzes.gal]



Sem comentários:
Enviar um comentário