O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva da Irmandade Xurídica Galega para establecer estratexias que permitan estender o uso da lingua galega no ámbito da Policía Nacional. No encontro, tal e como trasladou a Delegación do Goberno, Blanco estivo acompañado polo presidente da Irmandade, Xaquín Monteagudo; o xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.
Durante a reunión, á que tamén asistiron o subdelegado do Goberno na Coruña, Xullo Abalde, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, puxose en valor a dinamización que o Goberno central realiza do idioma no seo da administración. Segundo Blanco, esta colaboración constante coa Irmandade Xurídica Galega permite "tecer unha vía de apoio" fundamental para a normalización lingüística.
O delegado sinalou outros fitos institucionais recentes, como a garantía de que a cidadanía poida realizar os seus trámites ante a Administración en galego ou a histórica posibilidade de utilizar o idioma nas Cortes Xerais. "Garantimos dereitos para seguir construíndo unha sociedade plural, aberta e comprometida coa súa cultura", sentenciou Pedro Blanco ao peche do encontro.
[Imaxe: DELEGACIÓN DO GOBERNO - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário