O borrador do Real Decreto contempla a aprendizaxe das linguas oficiais só en prórrogas posteriores e baixo determinadas condicións
O Goberno central confirmou este venres que o coñecemento do galego, do catalán ou do eúscaro non será un requisito para acceder á autorización inicial de residencia e traballo no marco da regularización extraordinaria de migrantes que prepara e que podería beneficiar a máis de medio millón de persoas.
Desde o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións subliñaron que o texto en tramitación "en ningún caso inclúe a obrigatoriedade de coñecer ningunha lingua oficial para recibir a autorización inicial de residencia e traballo", ao tempo que lembraron que o borrador aínda non é definitivo.
Segundo o documento sometido a audiencia pública, a aprendizaxe das linguas oficiais poderá ser tida en conta en fases posteriores, especialmente no momento de solicitar unha prórroga da autorización ao cabo dun ano.
O borrador establece que, de maneira excepcional, se unha persoa non pode modificar a súa autorización conforme ao Regulamento de Estranxeiría, poderá prorrogala se acredita estar en procura activa de emprego e inscrita no servizo público correspondente ou se achega un informe de esforzo de integración emitido pola comunidade autónoma de residencia.
Nese contexto, o texto recolle que o informe favorable poderá certificar, entre outros aspectos, "a aprendizaxe das linguas oficiais do lugar de residencia". Este requisito non será aplicable a persoas con enfermidade grave, discapacidade ou en idade de xubilación.
Fontes ministeriais explicaron que, ademais das opcións de arraigamento previstas na normativa vixente —como o arraigamento por formación ou por emprego—, tamén podería concederse unha prórroga alternativa cun informe favorable dos servizos sociais autonómicos, sempre que se manteñan as condicións que deron dereito á regularización extraordinaria. Segundo sinalaron, esta previsión é "coherente" co que xa establece a lexislación de estranxeiría para outras autorizacións.
A regularización extraordinaria foi pactada con Podemos para trasladar a un real decreto a Iniciativa Lexislativa Popular que permanece en tramitación no Congreso. O primeiro borrador recibiu arredor de 350 consultas e propostas durante o período de audiencia pública. O texto deberá ser ditaminado polo Consello de Estado e polo Fondo para a Integración Social dos Inmigrantes antes da súa aprobación polo Consello de Ministros.
No ámbito político, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) asegurou que durante a negociación logrou incorporar ao texto a consideración do coñecemento e uso do catalán, así como doutras linguas oficiais distintas do castelán, como supostos válidos para acreditar o arraigamento na revisión posterior á autorización inicial. O deputado Jordi Salvador afirmou que "aprender catalán non é un trámite, é integración real", e defendeu que recoñecer este criterio supón incorporar unha dimensión social ao concepto de arraigamento.
Con anterioridade, tanto a Generalitat de Catalunya como o Goberno Vasco presentaran alegacións para que o catalán e o eúscaro fosen tidos en conta na renovación dos permisos de residencia. A proposta catalá contemplaba que as persoas regularizadas dispuxesen dun ano, ata a primeira renovación, para iniciar a aprendizaxe das linguas oficiais, deixando en mans de cada comunidade autónoma a forma de acreditar eses coñecementos. Pola súa banda, o Executivo vasco defendeu que valorar o eúscaro contribuiría a unha maior integración e cohesión social.
CONTROL DE ANTECEDENTES E INFORME POLICIAL
O novo borrador tamén incorpora a obrigatoriedade de comprobar, mediante informe policial solicitado de oficio, que as persoas solicitantes non supoñen unha ameaza para a orde pública, a seguridade pública ou a saúde pública. Esta verificación aplicarase ás solicitudes de residencia temporal por arraigamento, tanto por situación de protección internacional previa como por arraigamento extraordinario.
En relación cos antecedentes penais, o texto especifica que, no caso de que se aceptase inicialmente unha declaración responsable e posteriormente se recibise un certificado positivo fóra de prazo, revisarase a autorización concedida.
As persoas solicitantes poderán residir e traballar provisionalmente desde o momento da presentación da solicitude. Ademais, os menores ou dependentes integrantes da unidade familiar contarán cunha autorización con protección reforzada. O prazo para presentar solicitudes estenderase ata o 30 de xuño de 2026.
O borrador tamén prevé que as solicitudes de protección internacional presentadas antes da entrada en vigor da norma poidan resolverse favorablemente, sempre que se acredite a ausencia de antecedentes e que non exista risco para a seguridade ou a saúde pública, circunstancia que tamén será avaliada mediante o correspondente informe policial.

Sem comentários:
Enviar um comentário