segunda-feira, 26 de janeiro de 2026

O declive do imperio estadounidense


O presidente Donald Trump, antonte, á súa chegada ao foro económico de Davos

Escrito por Carlos Aymerich

A brutalidade de Trump, mostrando ás claras a verdadeira face dos Estados Unidos, debe ser saudada como un exercicio de sinceridade. Aguilloado, sen dúbida, pola repercusión do escándalo Epstein e, sobre todo, polo declive económico e político do imperio estadounidense, o actual inquilino da Casa Branca coloca negro sobre branco que non se trataba nin de  democracia nin de dereitos humanos nin tampouco de defensa do libre comercio. Que as guerras e as agresións desencadeadas polos EUA contra outros países e pobos, desde o mesmo momento da súa independencia, perseguían apenas a expansión territorial e o espolio de recursos naturais en proveito da minoría de plutócratas que, xuntando diñeiro e poder, gobernan ese país desde hai 250 anos.

Dominio económico e financeiro

O xenocidio dos pobos nativos; a compra da Florida, a Luisiana e Alasca; a invasión e posterior anexión de territorios mexicanos, do Porto Rico (que segue a ser, mesmo legalmente, unha colonia estadounidense) e Hawai. O intervencionismo golpista na América Latina e o control político e militar da Europa Occidental desde o fin da Segunda Guerra Mundial. O apoio a xendarmes rexionais pro estadounidenses en diversas partes do mundo sen se importaren, máis ben ao contrario, polas súas credenciais democráticas.

O dominio económico e financeiro a través de institucións como o Fondo Monetario Internacional ou o Banco Mundial, a maior gloria do dólar e da exportación cara a outros países do seu déficit. O control ideolóxico a través dunha potente industria cultural, directamente ligada –cando non abertamente dirixida– desde o goberno. E así seguido. Ese foi e segue sendo o proxecto estadounidense. Dominar o mundo para zugar os seus recursos en beneficio dunha minoría. Acontece, porén, que ese proxecto de dominio imperial comeza a dar mostras de quebra.

Débeda pública

Internamente, os Estados Unidos son unha sociedade fracturada por enormes desigualdades de clase e de orixe étnica e profundos desequilibrios territoriais que as políticas seguidas polos sucesivos gobernos non fan máis que agravar. Institucionalmente, o modelo de Goberno estadounidense revela as súas graves carencias e a ausencia real de contrapesos capaces de enfrontar un fascismo presidencial que non recoñece máis normas que os seus propios designios. A suposta democracia estadounidense parece ser compatíbel coa caza ao inmigrante, a impunidade dos asasinatos policiais e a ocupación militar de cidades disidentes.

Externamente, entanto a China ofrece investimentos, infraestruturas, mercados e tecnoloxía; os EUA ameazan coa forza militar e a chantaxe tarifaria. Unha ameaza militar explícita, que no Caribe e Venezuela virou agresión, secuestro e asasinato extraxudicial. Non é, certamente, novidade. Seguindo o modelo de Israel, hai anos que os EUA empregan os asasinatos extraxudiciais como instrumento de política internacional, en especial desde que, so a presidencia de Obama, a tecnoloxía dos drones fixo posíbel incrementar o número de mortes sen risco para os seus executores.

Economicamente, a fraqueza do dólar e da economía estadounidense xa non pode ser negada. Unha débeda pública fóra de control (baste reparar en que o gasto en xuros en 2025 xa foi superior ao conxunto do gasto militar estadounidense) e un proceso progresivo de desdolarización da economía mundial explican as esixencias do Trump de investimentos en produtos e armas estadounidenses en troca de rebaixas nas tarifas comerciais e a necesidade de acceder a novos territorios (Groenlandia) e a novos recursos (o petróleo da Venezuela).

Ocaso tamén na cultura

Ideoloxicamente, a cultura estadounidense reflicte as consecuencias dese declive. Filmes e series ambientadas nun mundo postapocalíptico onde só uns poucos escollidos conseguen subsistir que, non por acaso, coinciden coa visión dos señores –todos eles homes, brancos e estadounidenses– das Big Tech que xa proclaman abertamente que a democracia é incompatíbel coa liberdade, isto é, coa súa liberdade de gobernar (e estragar) o mundo de acordo cos seus intereses. Neofeudalismo, xustificación da desigualdade racial, reivindicación da escravitude e do colonialismo... Todo iso ten cabida nos actuais ideólogos do poder estadounidense.

Non hai sorpresa. Os sinais son claros. Hitler non mentía. Netanyahu e Trump tampouco. O caso é que imos facer os gobernos e os pobos de Europa ao respecto.


Carlos Aymerich é profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña.

[Foto: Ciaran McCrickard / World Economic / DPA - fonte: www.nosdiario.gal]


Sem comentários:

Enviar um comentário