A Subdelegación do Goberno español en Ourense organizou esta segunda feira un dos ciclos do programa '50 anos de España en liberdade' cunha mesa redonda no Centro Cultural José Ángel Valente co título 'Lingua, educación e liberdade: o galego na construción da democracia'.

María Pilar García Negro, Juan Tallón, Dores Tembrás e Manuel Bragado, esta segunda feira 1 de decembro, en Ourense.
Escrito por Patricia Villarino
Juan Tallón, María Pilar García Negro, Manuel Bragado e Dores Tembrás analizaron esta segunda feira o último medio século da cultura e da lingua galegas no país. Bragado puxo no foco “o paradoxo de que nestes 50 últimos anos perdemos a metade de falantes habituais de galego e, ao mesmo tempo, desenvolvemos unha industria cultural como nunca tivemos na nosa historia”.
O escritor cre que a explicación a este paradoxo “é unha cuestión estritamente política”. Segundo relatou, “no ano 1975 os editores publicaron 68 títulos en galego”, e entre eles Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Enrique Alvarellos, Manuel María ou Xosé María Álvarez Blázquez, que “eran activistas da causa galeguista”.
Sinalou Bragado que “ese activismo permitiu o desenvolvemento do galego con todo o entusiasmo do sector editorial”, así como no cinema, o teatro ou a música. Esta industria cultural galega “non é a que soñamos, pero é a que construímos”, dixo, con “públicos que sempre foron pequenos pero que substituíron a ausencia de políticas públicas”.
O "imperio" do español e a posición do galego
A escritora, sociolingüista e profesora honoraria da UDC María Pilar García Negro falou da situación legal do idioma e da “continuidade” entre o decreto franquista do 31 de outubro de 1975 –de regulación das 'linguas rexionais'– e a lexislación constitucional. “Non hai ruptura, senón continuidade.
Mantense na lexislación vixente aínda hoxe o imperio do español e a situación subalterna das outras linguas, entre elas o galego", sinalou. Tamén lembrou a súa experiencia como docente, no ano 1975, como profesora no Seminario Diocesano de Lugo, onde impartía aulas de lingua francesa “usando como lingua vehicular o galego”.
A escritora Dores Tembrás, desde a súa experiencia, repasou o acontecido coa poesía galega neste tempo, “cunha tradición poética que se mantén”. Fronte á "situación terríbel" da nosa lingua, precisou, "fai falta vontade para non exterminala e que non esmoreza”. Por iso, demandou “ferramentas e apoio” para que a industria cultural galega “non siga quedando atrás”.
O xornalista e novelista Juan Tallón falou dun “balanzo irregular” da literatura e da lingua. Tallón responsabilizou “as administracións” dos atrancos do mundo editorial en galego e dixo sentir “envexa doutros territorios como Catalunya, cunhas políticas de promoción cultural e de apoio a autores e tecido cultural que aquí non imaxinamos”.
[Imaxe: Subdelegación do Goberno español en Ourense - fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário