Escrito por Juan L. Blanco Valdés
No prefacio dun ensaio que ando a editar estes días para a súa publicación, leo: «A filoloxía é a máis fundamental e creativa das artes interpretativas». Podo asegurar que non se trata dunha hipérbole movida polo entusiasmo senón da afirmación, reflexiva e admirablemente contextualizada, dun humanista de talle mundial. Nun parágrafo no que canta as excelencias da escola clásica da filoloxía xermana, especialmente na romanística (Diez, Curtius, Spitzer, Von Wartburg...), o autor cita a Eric Auerbach, o que me levou a desempoar un vello amigo que tiña case esquecido, marabillas do azar, que cun cravo sacamos outro. Merquei Linguaxe literaria e público na baixa latinidade e na Idade Media (Seix Barral, 1969), unha obra mestra de Auerbach, en 1979 pois esa é a data que aparece a carón da miña sinatura en tinta virada a sepia polo paso do tempo. En contraste coa evidente senectude do escrito, a etiqueta pegada na páxina 1 (Librería Follas Novas, Montero Ríos, 37, Tel. 59 44 06, Santiago de Compostela) conserva unha sorprendente louzanía, parece pegada onte. O venerable volume desprende ese arrecendo, tan entrañable, do papel vello, un aroma inconfundible e evocador que xamais desprenderá un texto dixital. Folleando entre as súas páxinas, ademais de observar un intenso labor de subliñado e notas na marxe a lapis, atopei dúas ducias de fichas con anotacións manuscritas, todo o cal semella acenar, malia non ser quen de lembralo xa, cara a unha máis que notable dedicación ao libro.
En 1979 eu estudaba segundo de Filoloxía Hispánica no Colexio de Exercitantes da praza de Mazarelos, onde aquela obraba a Facultade, e tiña 19 anos. Hoxe pregúntome: como leu isto un rapaz de 19 anos? Hai na pregunta máis franqueza e asombro que impostura ou pedantería. Agora, case 50 anos despois, considero case heroico termos contribuído, canda tantos colegas de profesión e xeración, a manter viva a chama do humanismo, o amor á crítica, a felicidade da análise, a liberdade do debate e a interpretación fronte ao tsunami abafador de populismo, secuestro mental, pensamento imposto, polarización, discursos ocos, influencers, falabaratos e factorías de fakes. Será que xa nacín filólogo?
[Imaxe: romeo-f - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário