Oihane Amantegi
|
Escrito por Ramón Nicolás
O selo Rodolfo e Priscila ofreceu, hai algún tempo, a tradución ao galego da primeira novela da escritora Oihane Amantegui: Conto ao carón do río (2022). A mesma editora aborda agora, en tradución de Isaac Xubín e con prólogo de Joseba Sarrionandía, Cayo Hueso: novela a que volvín con agrado tras unha primeira lectura que fixera dela como unha das propostas baralladas como finalistas do premio nacional de narrativa do Ministerio de Cultura que levou, en 2025, Martinete del rey sombra, de Raúl Quinto.
Unha novela con este título fai activar, decontado, a asociación co espazo ao que remite: esa illa do estreito de Florida que se atopa a menos de dous centos quilómetros de Cuba e que, na tradición, conserva ese topónimo pola interpretación que se fixo dun osario orixinal que pertencera aos colusas, unha cultura pre-colombina. Doutra parte, o territorio tamén foi célebre por acoller algúns residentes como Ernest Hemingway, John dos Passos, Elizabeth Bishop ou Tennessee Williams e, hai menos tempo, por ser o lugar de gravación da serie cinematográfica Bloodline.
Amantegi sitúa aí, pois, unha historia que narra un vello capitán dedicado a pescar lagostas, moi no espírito do autor de O vello e o mar. Este relata unha historia de amor entre Virgil, un crítico musical, e mais Maudey, unha cantante dunha banda de jazz. Todo envolto e enchoupado, como se cadra non podería ser doutro xeito, nunha atmosfera tropical coa presenza constante da chuvia, a humidade, a calor, o alcol e o fume. É aí, no seo desa relación, onde paira unha reflexión anoada co motivo do desexo e que tamén arrastra outros como poden ser a mestura entre un “tempus fugit”, as obsesións persoais e aquilo que, por diversas razóns, resulta imposible acadar.
Antes, como agora, a escrita de Amantegi ten un poder infrecuente que é o de arrastrar a atención de quen se achega a estas páxinas talvez pola súa concisión ou, se se quere, a contención da súa escrita, que neste caso agroma a través dunha poderosa voz narrativa; e seica tamén pola construción dunha atmosfera construída con pulso firme, precisión e transparencia. Narrativa, paréceme, para viaxar coa imaxinación, que non é pouca cousa.
[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário