O xurado recoñeceu a súa "obra convincente e visionaria que, no medio do terror apocalíptico, reafirma o poder da arte". Rinoceronte publicou en 2014, traducida ao galego, Ao norte unha montaña, ao sur un lago, ao oeste uns camiños, ao leste un río.
![]() |
O escritor húngaro László Krasznahorkai |
A Real Academia Sueca outorgou Premio Nobel de Literatura 2025 ao autor húngaro László Krasznahorkai (Gyula, 1954), segundo anunciou esta quinta feira o secretario da institución, Mats Malm. O xurado recoñeceu a súa "obra convincente e visionaria que, no medio do terror apocalíptico, reafirma o poder da arte".
Krasznahorkai "é un gran escritor épico da tradición centroeuropea, que se estende desde Kafka até Thomas Bernhard, e caracterízase polo absurdo e o exceso grotesco", sinalou o comité do Nobel. "Pero ten máis recursos, e tamén mira cara a Oriente ao adoptar un ton máis contemplativo e refinado".
BREAKING NEWS
— The Nobel Prize (@NobelPrize) October 9, 2025
The 2025 #NobelPrize in Literature is awarded to the Hungarian author László Krasznahorkai “for his compelling and visionary oeuvre that, in the midst of apocalyptic terror, reaffirms the power of art.” pic.twitter.com/vVaW1zkWPS
O Nobel de Literatura 2025 conta cunha única obra traducida ao galego, Ao norte unha montaña, ao sur un lago, ao oeste uns camiños, ao leste un río, un traballo de Sergio de la Ossa e Veronika Gergely publicado por Rinoceronte, que sitúa o novelista na primeira liña da literatura húngara.
Ademais, varias das obras do recoñecido realizador Béla Tarr están baseadas na literatura de Krasznahorkai –Tango satánico, O cabalo de Turín e As harmonías de Werckmeister, unha versión de Melancolía da resistencia–, quen, ademais de escribir os guións, participa nas rodaxes e asiste o director nas grandes decisións.
A novelista e ensaísta norteamericana Susan Sontag, falecida en 2004, definiu Krasznahorkai como "o mestre húngaro contemporáneo da apocalipse, que inspira comparación con Gogol e Melville" tras ler Melancolía da resistencia (1989) unha das súas obras máis coñecidas e aclamadas.
[Foto: Begoña Rivas / Fundación Formentor - fonte: www.nosdiario.gal ]
Sem comentários:
Enviar um comentário