domingo, 1 de junho de 2025

Morre o lingüista e escritor portugués Fernando Venâncio aos 80 anos

«Assim nasceu uma lingua», que foi traducido ao galego por Galaxia, a cúspide da súa obra

Escrito por Brais Suárez 

Assim Nasceu uma Língua (2019) converteuse en clásico nada máis imprimirse. Exhaustivo, intelixente, divertido, instrutivo, polémico, erudito, irónico... Poucas veces, un ensaio pode definir tan ben o seu autor. Fernando Venâncio é unha das voces de referencia da lingüística e mais da cultura portuguesa, e este venres morreu na localidade de Mértola aos 80 anos, segundo informou mediante unha nota, pola tarde, a editora Guerra & Paz. 

A personalidade que emanaba dos seus textos é a mesma coa que o define o seu editor: «unha voz chea de entusiasmo», o «tan bo humor», acedo co «grande circo da pretensión, pompa e circunstancia», cita Lusa. Porque Venâncio demostrou que a erudición non vai de man do inaccesible e da distancia, senón que pode estar chea de encanto, de emoción e dunha honesta vitalidade. 

Estudou e explicou o portugués e tamén a que, segundo el defendeu mellor ca ninguén, foi a súa raíz, o galego. Venâncio foi escritor, lingüista, tradutor, crítico literario e tamén académico. «A lingüística portuguesa é moi estraña; temos grandes historiadores, grandes investigadores da gramática e sobre todo da sintaxe, pero non hai ningún interese pola divulgación», dicía, explicando implicitamente o seu papel. 

A súa obra é ampla como ensaísta e como literato, e rematou na cúspide con Assim nasceu uma lingua (traducido ao galego por Galaxia), que el definiu como a obra dunha vida, merecedora do Premio de Ensaio Jacinto Prado Coelho e que superou as sete edicións. 

Malia que morreu onde nacera en 1944, en Mértola, a súa foi unha vida dinámica, movida polas linguas: viviu en Lisboa, en Braga (onde tomou noción da importancia do galego) e nos Países Baixos, onde acabou de formarse sobre a problemática e lexislación das linguas minoritarias en Europa. O neerlandés foi a súa segunda lingua, que traduciu ao portugués e explicou en distintos manuais. Alí ocuparía cargos directivos das universidades de Ámsterdam, a Haia e Roterdam antes de voltar a Portugal.   

 

[Imaxe: Observatório da Língua Portuguesa - fonte: www.lavozdegalicia.es] 

Sem comentários:

Enviar um comentário