sábado, 21 de junho de 2025

A Xunta dialogará co Goberno central para que o galego chegue á xustiza

Tentará acordar que o novo programa de xustiza estea dispoñible en galego. 
                                     Asemblea da Irmandade Xurídica, con Camilo Nogueira e Carlos Varela como homenaxeados 

 A Xunta de Galicia iniciará un proceso de diálogo co Goberno central para garantir que o novo sistema de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza estea dispoñible tamén en galego.

Así llo informou este martes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, aos representantes da Irmandade Xurídica, cos que se reuniu para trasladarlle a súa preocupación sobre que o Goberno central habilite só en castelán a plataforma Atenea, que substitúe á anterior, Minerva.

Neste sentido, o conselleiro afirmou que "pese a falta de compromiso do Goberno central", a Xunta manterá "o seu total apoio para que o galego estea presente nas aplicacións tecnolóxicas que se utilizan na Administración". Tal e como explicado, a intención do Ministerio de Xustiza é asinar un convenio para ceder o sistema procesual á Xunta de Galicia só en castelán e que sexa o Goberno autonómico o que asuma a implantación da lingua galega no programa.

"Trátase dun traballo técnico complexo que precisa de tempo e investimento para poder levalo a cabo e os tempos que se manexan desde o Ministerio dificultan que esa conversión ao galego poida estar resolta para o ano 2026, data prevista para a súa posta en marcha", apuntou.

Deste xeito, durante a reunión, López Campos trasladou que se iniciará un proceso de diálogo cos representantes do Ministerio de Xustiza, xa que a mellor opción técnica para que os procedementos da xustiza respecten a cooficialidade lingüística é que sexa o propio Executivo central, como impulsor da plataforma, o que se comprometa a habilitar todos os idiomas respectando e favorecendo así o uso da lingua galega.


[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário