Escrito por María Arce
Os incels (involuntary celibate) son unha das emanacións máis nocivas da masculinidade do noso tempo, como testemuñan medio centenar de vítimas mortais do terrorismo incel en menos dunha década. Representan unha serie de fracasos individuais da masculinidade tradicional e hexemónica, a que prescribe que todo varón debe estar -como mínimo- nunha relación heterosexual e que os propios incels non conseguen acadar, mais tamén un fracaso colectivo das chamadas novas masculinidades, que aínda non conseguiron imaxinar un novo modelo de celibato masculino que sexa aceptable para a crecente masa de homes novos que van ficar inevitabelmente solteiros nas vindeiras décadas.
O movemento 4B en Corea do Sur, que propón ás súas partidarias renunciar ao matrimonio, á reprodución, ao romance e ao sexo con homes, é só a punta do iceberg dunha tendencia global onde os mozos e as mozas heterosexuais están a afastarse gradualmente, en parte por mor do seu distanciamento ideolóxico, mais principalmente por causas esencialmente materiais: cantas máis mulleres conseguen a independencia económica, máis medra a porcentaxe que fica voluntariamente solteira. Talvez son estes os motivos polos cales os incels se converteron no exemplo de masculinidade que máis se espalla no s. XXI, unha nova pandemia alimentada polas redes sociais e os movementos ultrarrelixiosos e de extrema dereita. Non son porén, en absoluto, un fenómeno enteiramente novo.
A idade contemporánea naceu xa poboada por algún dos incels máis famosos da historia da literatura: o mozo Werther. Johann Wolfgang von Goethe escribe esta noveliña en 1774, con apenas vinte e catro anos, cando sofre el mesmo as mágoas do desamor. Igual que o protagonista da súa obra, é rexeitado por Charlotte, obxecto da súa paixón e prometida, como a Lotte de Werther, cun home algo máis vello. Mais ao contrario que os incels máis célebres do noso tempo, Werther sabe que non sería quen de facerlle mal a outra persoa e opta polo suicidio.
O libro atopa en Europa abondos mozos infelizmente célibes que imitaban este primeiro heroe romántico na súa roupa e disque tamén nas súas inclinacións suicidas. Aínda que é posíbel que as cifras do impacto desa «febre de Werther» ou «efecto Werther» fosen algo esaxeradas polos rumores e o pánico da prensa, o certo é que as autoridades non tardan en prohibir a súa publicación en Leipzig, en Dinamarca e en Italia. O seu pai literario, pola contra, chegará a gozar dunha vida ben lonxeva, chea de éxitos, de viaxes, de praceres mundanos e definitivamente moi pouco célibe.
Goethe acaba por distanciarse por igual do Romantismo e d’As mágoas do mozo Werther, tanto que sente que a súa criatura o persegue coma «a pantasma dun irmán que el mesmo asasinara», reencarnado nas ducias de incels románticos que peregrinan a Weimar moitas décadas despois da publicación da novela para visitar o Goethe ancián, ignorantes moitas veces de toda a súa obra posterior. Non é difícil entender por que o vello Goethe acabaría por afirmar que «o clásico é o san, o romántico é o doente» se damos imaxinado ese pequeno exército de rapaces namorados, deprimidos e célibes, chegando á casa do mestre, que os saudaría nos seus últimos anos con estupor (talvez mesmo con algo de pudor), porque lle lembrasen aquel mozo que tamén el fora e a quen felizmente xa non imitaba en nada. Pois, desde a perspectiva dunha masculinidade «sa» do seu tempo, Werther é unha excepción e un desvío, non un modelo de conduta.
Menos autodestrutivo, mais dobremente atormentado, será case cento trinta anos máis tarde outro famoso incel da literatura alemá: o Tonio Kröger de Thomas Mann, protagonista da novela do mesmo nome de 1903, baseada tamén nunha experiencia da súa propia biografía. As mágoas de Tonio Kröger son duplas, porque engade ao seu desamor polo desprezo da loira Inge a tensión homoerótica co seu compañeiro e rival Hans. A tensión entre Romantismo e Clasicismo é tamén un tema central do texto de Mann porque a masculinidade sensible e a arte de Tonio acaban por capitular ante a forza da vida da fermosa parella. O seu fracaso é verbalizado pola súa amiga Lisaweta cando o acusa de ser simplemente un burgués que errou no camiño.
O máis rechamante destes incels de ficción é que representan dalgún xeito illas, desvíos, non só dun heroe literario normativo -aquel que é heterosexual e que consegue unha noiva ou esposa-, senón tamén dos numerosísimos heroes «voluntariamente» célibes que proliferan tanto na sociedade como na literatura da época que abrangue desde o Sturm und Drang até comezos do século XX. Ao contrario que as súas coetáneas, os rapaces que medran entre Werther e Tonio Kröger fano alimentados pola presenza de moitos referentes do seu mesmo xénero que practican un celibato socialmente aceptable para a masculinidade hexemónica -uns en soidade, outros porque a súa vida transcorre en espazos segregados e exclusivamente masculinos-. Aínda que a cultura monacal non goza xa do seu poder medieval, o seu prestixio renace na fantasía literaria do Romantismo; tamén os exércitos, sobre todo as forzas navais no momento dourado na Era do Imperialismo, ofrecen fantasías de camaradaría e descubrimento afastados da propia patria e das mulleres.
Este contexto é terra fértil para o florecemento dunha literatura de aventuras que trae novos ou anovados arquetipos de homes que non casan (nin falla que lles fai!): o lobo de mar, o xenio, o explorador, o pioneiro, o foraxido. Atopamos foraxidos reformados como o Jean Valjean de Zola, mais en poucos libros pairan os solteiróns tan á vontade como nos barcos e no Nautilus de Jules Verne ou nos primeiros western literarios de James Fenimore Cooper, onde o home de fronteira Natty Bumppo vive con honra e valor, mais sen muller nin fillos, entre os mohicanos e os pioneiros. Centos de personaxes da literatura popular abren o camiño para o solteiro impenitente Sherlock Holmes, un protagonista que xa non precisa da escusa de andar en terras sen civilizar, escapado da lei, nin no medio do mar (ou debaixo del) para poder vivir célibe e sen prospeccións de matrimonio no 221B de Baker Street, no mesmísimo Londres.
Botando a ollada atrás desde 2024, semella que a cultura popular vivise en certo sentido unha involución, unha renuncia colectiva á imaxinación, que abandona os rapaces e mozos ante as vidas que aínda poden aprender a soñar para si nesta nova era. Cústame aceptar que as únicas opcións que lle poida ofrecer a ficción a un home solteiro nos nosos días sexan converterse no esquizofrénico Patrick Bateman de American Psycho, no protagonista depresivo e adicto á tecnoloxía de Her ou no Peter Pan histriónico e sociópata do Joker. Se a masculinidade hexemónica foi quen de facelo no século XIX, poderán as novas masculinidades axudar aos incels a imaxinar un novo modelo de vida célibe e feliz neste milenio?
[Fonte: www.revistaluzes.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário