segunda-feira, 2 de dezembro de 2024

A plataforma Bluesky xa está en galego

A rede social da bolboreta azul permite dende este quinta feira configurar esta plataforma en lingua galega.

Nas últimas semanas Bluesky está a consolidarse como a principal alternativa á rede social X, antes coñecida como Twitter. A chegada de Elon Musk irrompeu con tal forza na plataforma que ademais do nome mudou unhas dinámicas de uso que respondían ben aos intereses persoais e profesionais de milleiros de usuarias. O cambio foise facendo visíbel aos poucos até se manifestar ás claras cunha fuxida masiva de seguidores.

Son moitas as mensaxes públicas que pregoan o abandono de X. E moitas desas persoas e proxectos decidiron mudarse a Bluesky, unha plataforma de microblogging, de mensaxes curtas, moi parecida ao que foi nos seus inicios 

Twitter.


Volven os chíos e os rechouchíos

A iniciativa Bluesky en galego impulsada polo activista Carlos Vieito, logrou que esta nova plataforma estea dispoñíbel en lingua galega en menos de un mes. Desta forma, o galego súmase ás case trinta linguas nas que está dispoñíbel esta rede social, grazas á tradución e activismo dixital de quen xa promovera no seu momento a iniciativa Twitter en galego.

A tradución de Blueskay rescata terminoloxía que foi empregada na rede de microblogging máis utilizada do mundo, como foi Twitter. "Volven os chíos e os rechouchíos" sinala Vieito. Nesta nova actualización en galego, o verbo chiar, publicar un chío, consolídase como mensaxe curta na internet. Un termo que foi recollido mesmo pola Real Academia Galega ao ter un uso moi estendido tanto nos medios de comunicación, como entre as persoas usuarias destas plataformas.

Cancelo, rechouchío e chiar son algúns destes termos que volven a estar presentes despois de que coa chegada de Elon Musk a Twitter, decidisen eliminar toda a idiosincrasia galega do paxariño azul. A estas palabras tamén se lle suma unha tradución consciente, destaca Carlos Vieito, que apunta a que durante o proceso de tradución intentou sempre ter unha terminoloxía "o máis neutra posíbel", utilizando unha linguaxe inclusiva e neutra.

Activismo cara a normalización

Carlos Vieito sinalou que "o activismo pola lingua está máis vivo que nunca", nunha sociedade consciente pola promoción da súa lingua, porén, lamenta que "volve ser a sociedade civil", o activismo dixital, quen logra dar pasos na normalización do galego. E sente que non cambiase nada en case 15 anos, cando foi tamén a sociedade "quen traballou na tradución do Twitter para que estivese na nosa lingua".

Bluesky xa está disponíbel en galego. Configura o idioma da túa conta e dálle ás á nosa lingua. #Blueskyengalego

[image or embed]

— Bluesky en galego (@engalego.gal) November 27, 2024 at 11:22 PM

 

Nesta tradución colaboraron Alexandre Espinosa e Xurxo GP traducindo e programando para que a puidese estar dispoñíbel na plataforma de Bluesky. Neste momento segue aberto o traballo de tradución de todas as novas actualizacións que se sigan a realizar dende a aplicación e que aínda non foron traducidas.

[Fonte: www.nosdiario.gal]


Sem comentários:

Enviar um comentário