domingo, 24 de novembro de 2024

A diglosia, a literatura e Pedro Lenz

 


Escrito por Laureano Araújo   

O principal asentamento da diáspora galega dos anos sesenta e setenta do século XX foi Suíza. Aínda hoxe é fácil atopar entre nós persoas que teñen unha relación directa ou indirecta co país helvético, onde hai miles de descendentes daqueles compatriotas nosos que, empurrados pola miseria e pola ditadura, buscaron sorte lonxe da casa. Porén, sorprende o mal que coñecemos Suíza alén dos tópicos habituais. Apenas sabemos nada, por exemplo, das súas linguas, das súas culturas, das súas literaturas.

Entre os idiomas que alí se falan, o romanche é o máis pequeno. O seu futuro non é moi prometedor. Pola súa banda, o lombardo quedou practicamente relegado ao ámbito doméstico, mentres o italiano se estende. O francés xa é difícil de distinguir do que podemos escoitar en Francia. O grupo lingüístico máis complexo é, se cadra, o alemán. Na Suíza alemánica podemos falar con propiedade de diglosia, porque os dialectos son utilizados con carácter xeral mentres o alemán estándar se usa unicamente en circunstancias moi concretas.

Imaxinemos un caso sinxelo: unha nena de Zürich érguese, almorza, vai á escola. Antes de que comece a primeira clase, todas as súas interaccións teñen lugar no dialecto zuriqués. A docencia, pola contra, é moi probábel que se imparta no alemán estándar. Pero mesmo nas situacións menos formais dentro da aula (traballos en grupo, saídas ao aseo, etcétera) volve aparecer o dialecto. Ao mediodía, coa familia, o estándar óese só no telexornal ou nunha serie de televisión. A nosa alumna vive instalada no seu dialecto e sabe perfectamente cando debe cambiar para o estándar, que é cando le, cando escribe ou en momentos moi específicos.

Esta diglosia non se vive dun xeito conflitivo. Os dialectos non son propios das clases máis desfavorecidas; utilízaos todo o mundo. Non son algo vergoñento; gozan, pola contra, de moito prestixio. Pero os dialectos carecen de normas gramaticais; case non se escriben nin se len. Na literatura, maioritariamente en estándar, redactar textos verosímiles non é doado, porque os personaxes falan nun idioma que, na realidade, non se corresponde coa lingua oral.

En 1901 publícase a primeira novela en bernés. Nace a tradición da literatura dialectal, vigorosa pero sempre marxinal. Hai moitas persoas, mesmo cultas, a quen lles resulta estraño, casemente imposíbel, ler un texto nun dos moitos dialectos que hai na Suíza alemá. Pero no 2010 aparece Der Goalie bin ig, unha novela en bernés ambientada no mundo da droga. Ten un éxito enorme e é levada ao cine decontado. O seu autor é Pedro Lenz, nado no seo dunha familia hispanosuíza. O fillo dunha emigrante contribúe a conferirlle un alto status literario a un dialecto do país de acollida. Talvez a diglosia nunca volva ser o que foi.

A nosa historia colectiva xa é indisociábel da de Suíza, e cumpriría mirarmos con máis atención cara a ese fascinante país. Agora, afortunadamente, nós tamén recibimos xentes chegadas doutras latitudes. Deámoslles a benvida e pidámoslles que nos sorprendan e nos enriquezan.

 

[Imaxe:Ana Garcia - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário