terça-feira, 8 de outubro de 2024

Salman Rushdie publicará a súa primeira obra de ficción tras o intento de asasinato que sufriu no 2022

O autor anunciou no Lviv BookForum da cidade ucraína Leópolis que está a traballar nunha triloxía de novelas

 
O novelista Salman Rushdie

O escritor indio-británico Salman Rushdie anunciou a súa volta ás novelas de ficción. Despois de sufrir un intento de asasinato no 2022, no que foi apuñalado e perdeu un ollo, o autor está a traballar nunha triloxía. Cada libro, dunhas 70 páxinas, relaciónase con «un dos tres mundos da miña vida: India, Inglaterra e América. E todos eles consideran dalgunha forma a idea dun final», explicou no Lviv BookForum de Leópolis.
«Cando chegas a esta idade obviamente pensas en canto che queda. Por suposto non haberá 22 novelas máis que escribir. Se teño sorte, haberá un ou dúas», reflexionou o escritor, que tamén admitiu que pensa na obra dos filósofos Theodor Adorno e Edward Said en relación aos últimos anos da carreira dun artista, que se moven entre a serenidade e a ira.
O responsable de obras como Fillos da medianoite, Versos satánicos ou Cidade Victoria participou por videochamada no festival literario da cidade ucraína para presentar a súa última publicación, Coitelo. Meditacións tras un intento de asasinato, que saíu á luz este 2024. Nesta obra explora o apuñalamento que sufriu en agosto do 2022, os motivos e o seu proceso de recuperación, así como temas como a vida, a perda, o amor ou a arte. 
Na súa intervención recollida por The Guardian, Rushdie explicou que escribiu este libro pensando en que «son un narrador. Quero recuperar o control da historia para contala ao meu xeito. A persoa que me atacou convértese en parte da miña historia, en lugar de converterme eu en parte da súa». En contraposición a esta violencia, o autor fala do amor da poeta, artista e novelista Rachel Eliza Griffiths, a súa quinta muller, quen gravou de xeito case diario a recuperación do seu marido para crear a base para un documental. 
«Empecei a velo como unha especie de disputa entre o amor e a morte, entre o fanatismo e a beleza», comentou en Leópolis. «A vida non é só bombas, fascismo, corrupción e morte. Tamén é amor e beleza. E creo que quizais no medio dunha guerra, é importante lembralo», engadiu. Rushdie tamén expresou a súa solidariedade con Ucraína, con a cal identifica o seu propio proceso de recuperación, ao asegurar que «tanto se se fala dunha historia persoal como dunha política, o poder está no control da narrativa. O que os rusos están a tratar de facer é contar unha versión e impola na historia. E é moi importante non permitir que iso ocorra». 
Hadi Matar, o autor do apuñalamento, enfróntase a unha acusación de intento de asasinato en segundo grao. O xuízo no condado de Chautauqua nos Estados Unidos empezará o 15 de outubro, tras ser atrasado pola publicación de Coitelo no mes de abril, que puido servir de proba para a defensa, que lle declara non culpable. Segundo informa o medio británico, outra acusación federal imponlle cargos de terrorismo. En xullo rexeitou un acordo de culpabilidade que acurtaría a súa pena de prisión estatal, pero o expuxo ao cargo de terrorismo, segundo dixo o avogado do acusado.
 
 
[ImaxeHANNIBAL HANSCHKE | EFE - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário