domingo, 13 de outubro de 2024

O secretario xeral de Política Lingüística non ve «hexemonía do castelán» e responsabiliza aos inmigrantes do retroceso do galego

 

Un día despois de que a enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre coñecemento e uso do galego púxese negro sobre branco o retroceso de falantes do idioma propio do país, o responsábel da política lingüística da Xunta nos últimos 12 anos culpou aos inmigrantes do avance do español.

                               Valentín García,secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza.

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, Valentín García, eludiu, nunha entrevista desenvolvida neste sábado na Radio Galega, calquera responsabilidade do Goberno galego na desgaleguización da sociedade galega.

García afirmou que o galego “é unha lingua que cada vez está máis compartida na súa sociedade co castelán, e que ten un problema, que é o da transmisión interxeracional nas familias, e o seu uso tamén por parte da xente nova».

O máximo responsábel en materia lingüística do Goberno galego nos últimos 12 anos volveu responsabilizar un día máis aos inmigrantes do retroceso do idioma galego e indicou que nos últimos anos chegaron a Galiza “un total de 115.000 persoas” que teñen o español como única lingua.

“Afortunadamente viñeron a vivir a Galiza e decidiron quedarse”, afirmou García,  “pero que desde un punto de vista lingüístico son na súa inmensa maioría, case na súa totalidade, persoas que se instalan no castelán ao que o teñen como única lingua, o que chamamos monolingües en castelán”.

Campañas cos inmigrantes

“E iso”, continuou García “é o que fai  modificar a enquisa e os datos porcentuais do uso do galego e do castelán nos últimos cinco anos”. Neste punto, apostou por impulsar campañas entre os colectivos de inmigrantes para reverter a situación do idioma.

O responsábel da política lingüística  do Goberno galego defendeu “mellorar a súa sensibilidade de cara á nosa cultura e á nosa lingua”, “para que estes novos galegos descubran a inmensa riqueza que é manexarse en varias linguas”.

García recoñeceu o retroceso dos galegofalantes entre a mocidade. Porén, valorou positivamente o papel xogado no proceso normalizador polo ensino e defendeu o Decreto de Plurilingüismo de 2010, que entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística teñen responsabilizado da actual situación.

“O sistema educativo está facendo o seu papel”

O sistema educativo está facendo o seu papel, e está regulado por un decreto”, apuntou García que indicou que “sabemos que as dúas linguas teñen que ensinarse cun horario igual, que as competencias que teñen no sistema educativo a final de cada curso e de cada ciclo teñen que ser parellas nas dúas linguas”.

Onde está a hexemonía do castelán”, preguntouse García, que destacou o aumento do “prestixio” da lingua “nas últimas décadas foi fabuloso e o segue sendo. Hai situacións que se dan na lingua galega que hai anos serían impensábeis”.

[Foto: Europa Press - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário