Unha nova conversa de Guido Álvarez cos artistas lucenses para o Lugo Xornal. Hoxe coñecemos a Borja Porto (Albeiros, Lugo, 1988) e o seu novo proxecto Arte Lucus
Por Guido Álvarez
A cidade de Lugo segue vivindo a súa idade dourada no que a arte urbana se refire. Case trinta anos de muralismo e graffiti reflexado nos muros lucenses, varios premios internacionais nos últimos anos (incluídos o mellor mural do mundo do 2021 e o terceiro mellor do 2023), e sobre todo o privilexio de contar con máis de 20 artistas lucenses en activo.
Un dos últimos proxectos creativos é dun vello coñecido da escena pictórica, pero que nos últimos tempos decidiu iniciar unha nova aventura: Arte Lucus. El é Borja Porto.
Ola, Borja, un pracer charlar contigo para o Lugo Xornal. O primeiro que quero preguntarte é sobre como comezou a túa historia co graffiti e co muralismo. Cando pintaches por primeira vez?
A primeira vez que pintei tiña 12 anos, e creo que foi como todos, foi unha sinatura desas que non lle gustan a ninguén, con rotulador Edding 800. Como foi? Eu vía aos maiores facelo, chamoume a atención, e comecei a asinar coma un tolo por todos lados: libretas, libros, paredes… era un pouco inquedo e pasábame o día facendo bosquexos.
Outro mural do 2024 no barrio de Paradai |
Recordas onde?
Sobre todo no colexio (CEIP Luis Pimentel) e no instituto (IES Ánxel Fole).
“Arte Lucus xurdiu hai xusto un ano vindo da praia, coa axuda da miña moza trazamos un plan para intentar que a xente vexa a evolución do que pinto en cada mural que fago”
Como naceu o proxecto Arte Lucus?
Sobre todo por motivación, necesito estar sempre facendo cousas e notar que vou mellorando. Vivo a base deses estímulos aínda que ás veces frústrome por elo, pero xa é a miña forma de vivir. Despois de moitos anos pintando letras aburrinme un pouco, e quixen comezar a facer debuxos. Realmente o proxecto Arte Lucus xurdiu hai xusto un ano vindo da praia, nunha hora de traxecto coa axuda da miña moza trazamos un “plan” para intentar que a xente vexa un pouco a evolución do que pinto en cada mural que fago, comezando practicamente de cero (xa que sempre me adiquei ao lettering). Ela confía máis no que podo chegar a facer que eu mesmo.
G: Que che parece o momento actual do graffiti e do muralismo en Lugo?
B: Moi bo nivel, en Lugo sempre houbo graffiteiros boísimos, polo camiño quedou xente moi talentosa que o deixou, pero que marcaron unha época. Non houbo moita cantidade, pero si moita calidade. Agora coas redes estase chegando a moita xente e púxose a Lugo no mapa.
G: De que zona de Lugo es?
B: 27003
G: Que outros artistas galegos che gustan?
B: Yoe, Bure, Guille… aínda que agora viva en Málaga conta igual, hehe.
G: E a nivel internacional?
B: Hopare, Does, Bublegum….
G: Cales son os teus soños ou proxectos de futuro?
B: Mellorar sempre, cada cousa que faga intentar que sexa mellor que a anterior, así é como chegan os resultados.
[Fonte: www.lugoxornal.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário