quarta-feira, 13 de setembro de 2023

O galego de Estremadura fala por si mesmo

Henrique Sanfiz presentou a pasada semana 'Xálima', un documental sobre a lingua do val do río Ellas, a fala, que constitúe a pata audiovisual dun traballo xornalístico que tamén terá unha versión radiofónica e outra escrita, que será publicada este sábado en Sermos Galiza. O filme ofrece un novo xiro sobre esa variedade estremeña do galego dándolles a palabra aos habitantes da zona en vez de, como é habitual, disertar sobre eles.

 
                             O director do documental Henrique Sanfiz, á esquerda, co alcalde das Ellas, Toño Bellanco.
 
Escrito por MANUEL XESTOSO

"Expresarnos como de verdá nus han ensinau a falar desde que nacimos". É o desexo que expresa unha das persoas entrevistadas no documental Xálima, unha peza audiovisual dirixida por Henrique Sanfiz que mostra a realidade lingüística deses tres concellos estremeños do val do río Ellas -San Martiño de Trebello, Valverdi du Fresnu e As Ellas- coñecidos por ser o berce da fala, unha variedade lingüística do galego -segundo a tese máis aceptada polos lingüístas- que ten a súa orixe na repoboación por galegas e galegos nos séculos XII e XIII e a interferencia de leonesismos como consecuencia do contacto co veciño leonés. "Nós falamos como os galegos e os galegos falan coma nós", di nalgún momento unha das persoas que participan no documental, deixando clara a adscrición cultural dun lugar cunha identidae única, mais cunhas raíces ben recoñecíbeis.

O documental de Sanfiz cédelle a palabra aos habitantes das tres vilas para mostrar o orgullo que exhiben ante un sinal de identidade que os singulariza: persoas ligadas a asociacións de promoción e defensa da lingua pero tamén alcaldes e concelleiros, profesores, lingüístas, empresarios,  funcionarios... "Eu xa estivera alí algunhas veces e coñecía a Henrique Costas, que é o principal estudoso da fala, mais decateime de que existía moita literatura científica que falaba sobre os habitantes destes tres lugares, pero apenas existían traballos nos que fosen eles quen falasen", explica Sanfiz en conversa con Nós Diario. Daquel, decidimos facer un traballo xornallístico que tivese tres patas: o audiovisual, o radiofónico e o escrito, que sairá publicado esta próxima fin de semana en Sermos Galiza.

 
[Fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário