A editorial Shinchosha, que deu indicios de que podería tratarse dunha historia de misterio, asegura que o libro reflicte «o mundo de Murakami 100 % e fai tremer a alma»
Murakami, durante a súa visita a Santiago no 2009 para recoller o premio San Clemente.A nova novela do escritor xaponés Haruki Murakami, que se publicará no Xapón o próximo 13 de abril, levará por título The City and its Uncertain Walls (A cidade e os seus muros incertos), segundo desvelou este mércores o seu editorial, Shinchosha.
O selo tamén deu a coñecer a portada que levará a novela no Xapón, onde se pode ver unha especie de pasadizo, así como unha breve descrición da trama, que parece indicar que podería tratarse dunha historia de misterio.
«Débese ir a esta cidade. Á conta de todo. Como nun vello soño, ábrese un andel escondido e espértase a historia selada, que empeza a moverse», detalla a editorial, que di que este libro reflicte «o mundo de Murakami 100 % e fai tremer a alma».
A novela, dunhas 1.200 páxinas, será a primeira do escritor en seis anos, tras publicar no 2017 Killing Commendatore (A morte do comendador), e a primeira que se publicará simultaneamente en papel e en formato electrónico.
O 13 de abril será a data de publicación no Xapón, onde terá un prezo de 2.970 iens (uns 21 euros), pero aínda se descoñece a data de lanzamento noutros países.
Nacido en Kioto, Murakami, de 74 anos, debutou na literatura coa novela Hear the wind sing (Escoita a canción do vento, 1979) e é coñecido por obras como Norwegian wood (Tokio blues, 1987), Kafka on the shore (Kafka na beira, 2002) ou as máis recentes 1Q84 (2010) e Men without women (Homes sen mulleres, 2014).
As súas obras foron traducidas a máis de 50 idiomas e a súa traxectoria foi recoñecida con numerosos premios, entre eles o Noma, o Tanizaki, o Hans Christian Andersen, o Franz Kafka ou o Jerusalem Prize.
[Foto: Sandra Alonso - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário