O Pleno da Real Academia Galega nomeou esta mañá a Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) membro de honra. A catedrática emérita de Español na University of Maine e responsable do Centro de Estudos Galegos de dita universidade foi a primeira directora da Galician Studies Association (actual Asociación Internacional de Estudos Galegos), traduciu obras do galego ao inglés de autoras e autores de distintas xeracións e desenvolveu investigacións sobre as letras galegas que tamén contribuíron á súa proxección internacional. O nomeamento produciuse no pleno ordinario celebrado antes da sesión extraordinaria pública de ingreso de María Dolores Sánchez Palomino como académica de número.
Kathleen March formouse na State University of New York en Buffalo, onde se especializou en estudos latinoamericanos, cunha investigación sobre as actitudes no Brasil cara aos portugueses continentais, e doutorouse pola mesma institución en Español cunha tese sobre o autor peruano José María Arguedas. Logo de estadías nas universidades de Nova York, Missouri-Columbia, Santiago de Compostela e o Estado de Ohio, desde 1984 ata a súa xubilación impartiu docencia na University of Maine e no ano 2002 doutorouse por dita institución en Creación Literaria coa tese Sea Worlds: De mar a mar. A partir do ano 2000 desenvolveu un método de ensino estruturado como un servizo aberto á comunidade, o que a levou a traballar xunto ao seu alumnado en Honduras desenvolvendo diversos proxectos sociais, culturais e pedagóxicos. Ao longo da súa traxectoria dirixiu numerosas teses e proxectos de investigación.
A relación con Galicia de Kathleen March remóntase ao ano 1975, cando chegou por primeira a esta terra para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio, e desde entón dedicouse de forma intensa ao estudo da literatura galega contemporánea, de autoras e autores como Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo Garza, Xohana Torres ou Rosalía de Castro.
A lectura e análise de La hija del mar levouna a estudar desde 1988 a intersección entre literatura, feminismo e nacionalismo en Galicia. Esta foi, en 1995, a primeira das moitas obras literarias que traduciu do galego ao inglés, contribuíndo á proxección da literatura galega no ámbito anglosaxón. Seguíronlle, dentro da narrativa, os volumes Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo (1995 e 2007), Xente de aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro (2011), Un nicho para Marlyn (2016) e Lume de cobiza (2018) de Miguel Anxo Fernández, Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira (2022), Pensa nao de Anxo Angueira (2019), Seique de Susana Sánchez Aríns (2021), Memoria para Xoana (2021) e Confusión e morte de María Balteira (2022) de Marica Campo (2022).
No campo da poesía traduciu Tigres de ternura de Claudio Rodríguez Fer (2012) e tamén verteu os volumes colectivos Festa da Palabra. An Anthology of Contemporany Galician Women Poets (1988) e An Anthology of Galician Short Stories (1991) e mais o texto Rosalía’s Revolution in New York de Claudio Rodríguez Fer (2014). Ademais, traduciu do inglés ao galego o ensaio de Noam Chomsky Sobre o poder e a ideoloxía: as conferencias de Managua (1993). No ámbito da creación publicou diversos relatos e poemas, tanto en inglés coma en galego.
Kathleen March fundou a Galician Studies Association, precursora da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, creada co obxecto de impulsar os estudos galegos na academia norteamericana e despois ampliada ao ámbito internacional. Foi a súa primeira directora, e despois recuncou nunha segunda etapa entre 2000 e 2003. Ten participado en numerosos congresos e conferencias, con disertacións sobre autoras como Rosalía de Castro, Xohana Torres, Eiléan Ní Chuilleanáin, María Mariño Carou, Carmen Blanco ou Pilar Pallarés, entre outras moitas.
As contribucións da investigadora e tradutora á divulgación da literatura e da cultura galegas foron recoñecidas co Premio da Cultura Galega no apartado de Proxección Exterior (2015). En abril de 2021 obtivo ademais a I Bolsa en Residencia Xacobeo para tradutores en lingua galega, convocada pola Xunta de Galicia coa colaboración da Residencia Literaria 1863 da Coruña, proxecto este último impulsado pola escritora Yolanda Castaño e apoiado polo Concello da Coruña.
[Fonte: www.academia.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário