sábado, 31 de dezembro de 2022

A poboación asturiana que ten o galego como lingua nai baixou 38% en 30 anos

Axuntar vén de presentar o seu informe sobre a situación actual do galego en Asturias.

 
                                              Xabier Barcia, Natalia Jardón, Moisés Cimas e Enrique González na presentación do informe de Axuntar o 27 de decembro.
 
 
Escrito por MAR ÁLVAREZ

O territorio asturiano no que se fala galego ocupa unha superficie aproximada de 4.200 quilómetros cadrados distribuída en 18 concellos. Actualmente, estímase que o número de falantes nesta zona é de 37.000. Así o recolle o Informe sobre a lingua do Eo-Navia. Sen fronteiras: galego de Asturias, elaborado pola asociación para a normalización do galego de AsturiasAxuntar, presentado no concello asturiano da Veiga.

Eo-Navia é a zona asturiana galego falante que se localiza entre os ríos Eo (ao oeste) e Navia (ao leste). Do total das persoas que falan o galego de Asturias, o informe recolle que, segundo a III Enquisa Sociolingüística do Navia-Eo elaborada pola Academia da Llingua Asturiana, dous de cada tres habitantes da zona maiores de 16 anos -63,1%- téñena como primeira lingua, ben en solitario -46,3%- ben xunto co castelán -16,8%-. Porén, hai 30 anos, a porcentaxe de persoas cuxa lingua materna era exclusivamente o galego era de 75%, polo que se observa un descenso de 29 puntos, indica o informe.

Esta situación débese, segundo explica a Nós Diario o doutor en Lingua Española e Lingüística Xeral da Universidade de Oviedo e participante na elaboración do informe, Ramiro Xabier Barcia, á falta de vontade política. “Desde a Administración do Principado de Asturias non se respecta a diversidade lingüística de Asturias, e menos o galego asturiano, cuxo status legal non garante a súa viabilidade futura” e engade que a lingua vive “unha situación de diglosia co castelán, pero tamén co asturiano que, se ben non é oficial, si conta con máis recoñecemento, o que supón un agravio comparativo evidente”.

 
 
[Fonte: www.nosdiario.gal]
 

Sem comentários:

Enviar um comentário