quinta-feira, 27 de outubro de 2022

A vella do arco

                          Arco dá vella sobre a praia de Area en Viveiro.

Escrito por BIEITO ROMERO

Si, eu son dos que aínda se emociona cun luminoso día de sol en calquera momento do ano ou vendo chover de calquera das formas existentes na nosa terra. Son dos que se arrepía, dende o máximo respecto, coas tormentas, e dos que queda pasmado mirando a beleza do maxestoso arco da vella ben debuxado no ceo.

Quizais o que menos me guste, e incluso me resulte particularmente molesto, sexa o vento, e diso tampouco andamos escasos. Aquí en Galicia temos unha sorte de variedade de fenómenos meteorolóxicos como para estar ben entretidos durante todas as épocas do ano.

Tamén entendo perfectamente a fascinación e o medo que poderían ter os nosos antepasados ante estas manifestacións que para eles carecían dunha explicación entendible e cunha perspectiva inzada de connotacións sobrenaturais.

Lembro perfectamente sendo eu neno como cando había trono a miña avoa rezaba, e facíame rezar a min, oracións a Santa Bárbara. Tamén lembro pregarias para que deixase de chover ou mesmo para todo o contrario. Non podemos esquecer que boa parte da nosa economía baseábase fundamentalmente na agricultura. Popularmente cada un coas súas crenzas buscaba solucións a este tipo de situación sempre no alén porque dende o alén, non sabendo explicalas, parecía que viñeran.

Nestes días outonais de choiva, vento e tormentas mesturadas con momentos de sol temos un variado deses nos que as catro estacións do ano pasan nun mesmo día. E a min, particularmente, fóra dalgunhas incomodidades puntuais, encántanme.

Mais se tivese que escoller un destes meteoros quedaríame coa fermosura e o misterio do arco da vella que nestes días mesturados de choiva e sol aparece constantemente. É impresionante o seu cromatismo, o seu trazo e sobre todo moi interesante a cantidade de folclore popular en forma de lendas, cantigas, etcétera, que aínda vive arredor del.

Nunca me deu por ir buscar os tesouros que din que se agochan nos extremos do arco, pero en repetidas ocasións si cavilei ao respecto de quen puidese ser a vella dese arco no ceo, quizais unha portadora de grandes poderes sobrenaturais capaz de poder facer todo o que se lle atribúe, que son moitas cousas.

 

[Imaxe: Pepa Losada - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário