O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, intervén na apertura desta iniciativa que se desenvolverá ata o sábado na universidade da cidade polaca
Reflexionarase, entre outros aspectos, sobre a internacionalización e carácter multidisciplinar destas investigacións ou a súa conexión coas doutras culturas
Tamén se presentou a mostra ‘Galicia imaxinada’, do Consello da Cultura Galega, sobre a influencia da emigración na creación da imaxe de Galicia no século XIX
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na Facultade de Linguas Modernas da Universidade de Varsovia no acto de inauguración do XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) Abrindo rutas, expandindo camiños. Novas perspectivas e interseccións nos estudos galegos.
O representante da Xunta de Galicia destacou “o importante papel deste congreso que impulsa a internacionalización da nosa lingua e da nosa cultura e dota de dinamismo e modernidade os cada vez máis numerosos centros de estudos galegos que están espallados polo mundo enteiro”.
O obxectivo deste congreso, que se levará a cabo do 21 ao 24 de setembro, é explorar como os traballos de investigación innovadores na área dos estudos galegos están a fomentar o diálogo entre disciplinas académicas e entre representantes da cultura. Para iso contará con distintas sesións de comunicacións, paneis temáticos, obradoiros, mesas redondas, entrevistas e sesións culturais, entre outras actividades.
A intención é identificar códigos discursivos sobre conceptos como a internacionalización, xa que os estudos galegos teñen un perfil cada vez máis aberto e multidisciplinar e é necesario promover colaboracións, intercambios culturais e difusión da produción científica, literaria e cultural. Por outra banda, neste congreso abordaranse as conexións entre os estudos galegos e os doutras culturas non hexemónicas.
Así mesmo, impulsaranse achegamentos aos estudos poscoloniais, feministas, raciais e da sexualidade. Por último, afondarase na importancia de aumentar a presenza dos estudos galegos en diferentes contextos tanto académicos como institucionais.
Mostra itinerante ‘Galicia imaxinada nas revistas da emigración’
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tamén interveu na presentación da exposición Galicia Imaxinada nas revistas da emigración, comisariada por Chus Martínez.
Trátase dunha mostra itinerante que, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Instituto Cervantes de Varsovia, retrata a Galicia dos emigrantes a través de 20 paneis que presentan a influencia da emigración na creación da imaxe de Galicia no século XIX. Poderá visitarse ata o 5 de outubro no Instituto Cervantes de Varsovia.
[Fonte: www.lingua.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário