A USC recoñece o seu traballo pola lingua "na docencia, na investigación, no ámbito da xestión e na vida política".
O xurado da V edición do premio Luís Porteiro Garea acordou conceder o galardón a Xosé Manuel Beiras polo "seu labor activo a favor da lingua galega" como profesor e, posteriormente, como catedrático e decano, xa que, "exerceu un importante e permanente labor de promoción e defensa do idioma na docencia, na investigación e na propia xestión do centro".
Nun comunicado, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) destacou que Beiras foi catedrático de Estrutura Económica da USC e "defendeu o uso do galego nas aulas desde os seus inicios como profesor de Economía Política na Facultade de Dereito e máis tarde como profesor de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais".
Así mesmo, subliñou que Xosé Manuel Beiras desenvolveu un papel activo na promoción do uso do galego no ámbito da xestión, tanto como director do departamento durante máis de dez anos como na xestión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro do que foi decano puntualmente no ano 1972 e posteriormente entre 1982 e 1984. Ademais, sinalou que no que se refire á investigación fixo uso do galego de forma habitual nas súas publicacións de carácter académico e nos seus ensaios.
Por outra banda, o xurado puxo en valor "a súa capacidade para facer escola tamén no relativo ao cultivo do galego e o compromiso académico con Galicia". Neste sentido, sinalou "as numerosas teses en galego e sobre Galicia dirixidas ao longo da súa traxectoria, contribuíndo así a afianzar o seu uso no cultivo da ciencia económica".
O xurado tamén valorou "o seu compromiso co idioma galego na súa dilatada traxectoria de intervención na vida política do país", onde fixo uso do galego de maneira "consuetudinaria" e "promovendo e apoiando todo tipo de iniciativas sociais, culturais e lexislativas a favor do galego como idioma oficial".
A NORMALIZACIÓN COMO PREMIO
O premio Luís Porteiro Garea recoñece a iniciativa, o traballo e a traxectoria da comunidade universitaria presente e pasada a favor da normalización do galego na universidade. En anteriores edicións foron recoñecidos Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico e Antonio Rigueiro, catedráticos de Química Orgánica, Dereito Mercantil, Historia da Educación e Enxeñaría de Montes, respectivamente.
O galardón leva o nome de Luís Porteiro Garea, profesor que o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo a primeira lección en galego da que se ten constancia.
[Imaxe: Europa Press - fonte: www.galiciaconfidencial.com]
Sem comentários:
Enviar um comentário