sexta-feira, 13 de maio de 2022

Poeta das cousas e das causas

Escrito por XESÚS ALONSO MONTERO

Cómpre, nestas datas, volver á obra de Florencio Delgado Gurriarán, quen, como poeta público, estreouse en 1931, xa con 28 anos de idade. Desde ese ano a 1934 publica, na prensa galega, poemas de índole moi distinta. Abundan os que cantan e contan «as cousas» das terras de Valdeorras: os viñedos, o viño, o río Sil, os castiñeiros, as festas e outros aconteceres. Son os poemas que eu veño chamando matrióticos, ou sexa, referidos á pequena patria do poeta, a súa matria. Con eses textos e outros compuxo o seu primeiro poemario, Bebedeira, de 1934, un canto á paisaxe valdeorresa e ás súas cousas, das que arrinca recursos literarios coma estes: «As vidras, / ledas mozas churrusqueiras / maquilladas de sulfato, / sorrinlle ao vento, coquetas». Ou estoutros: «As nubens, / enamoradas da serra, / andan a buscarlle as voltas / por ver de apalparlle as tetas». Son as prosopopeas que tanto prodigou o hilozoísmo naquela época, escola da que Delgado Gurriarán foi a voz máis rica e densa.

Pero, ao mesmo tempo que facía poesía sobre «as cousas», compuña poemas sobre «as causas» (causa e cousa teñen o mesmo étimo latino: causa). De 1933 é Xuntanza, con versos desta condición: «Bos galegos [...], / se queredes ser dignos de gabanza, / ide xuntos á nobre e civil loita, / se non, triste será vosa lembranza / e nunca terá fin a vosa coita». Poeta «das causas», está a compoñer poesía patriótica, como patriótica é a súa poesía sociolingüística, xénero que só Delgado Gurriarán cultivou naqueles anos. En Falan castelán (abril de 1934), por exemplo, a musa crítica do noso poeta denuncia o desleigamento cívico dos que rexeitan o uso do idioma galego.

Cando, en 1934, o escritor recolle nun volume poemas seus, só escolle os poemas matrióticos, os poemas sobre «as cousas» da matria valdeorresa. Os outros poemas, referidos aos problemas da patria, os poemas patrióticos, non están presentes en Bebedeira. Nesa altura (1934), Delgado Gurriarán, como autor dun libro, dá a impresión de que quere ser coñecido pola poesía «das cousas», que é, nese volume, a poesía matriótica, non a patriótica.

 

[Fonte: www.lavozdegalicia.es] 

Sem comentários:

Enviar um comentário