sábado, 14 de maio de 2022

O sector editorial acusa de desleixo á Xunta polas axudas á tradución

O sector editorial segue descontento cos criterios que a Xunta estabelece para outorgar as axudas á tradución de textos literarios, considerándoo pouco profesionais.

                     Os criterios de adxudicación das axudas propician, segundo o sector, a picaresca e o intrusismo.
 
 
Escrito por MANUEL XESTOSO
 
O sector editorial vén sendo moi crítico desde hai anos coas axudas da Xunta de Galiza á tradución de obras literarias, por mor dos criterios utilizados para conceder subvencións ás obras que se traducen desde outras linguas ao galego e desde o galego a outras linguas. A censura chegou a un punto álxido o ano pasado, cando se soubo que a segunda empresa máis beneficiada polas axudas á tradución -a Editorial Tegra- era propiedade dunha muller condenada por estafa, constituída pouco antes de que se publicase a convocatoria e que posuía un catálogo de só vinte títulos, dezanove deles en castelán. A empresa recibiu, precisamente, axudas para traducir eses dezanove libros ao galego.

A convocatoria de axudas deste ano volve incorrer nalgunhas das incongruencias que o sector denuncia exercicio tras exercicio. Alejandro Tobar, responsábel da editorial Hugin e Munin, especializada en tradución, fixo público un documento no que debulla algunhas das eivas que se detectan na Orde de axudas públicas á tradución de 2022.

Entre os defectos sinalados por Tobar destacan algunhas medidas que a Administración implementou como presunta solución a carencias anteriores. Por exemplo, o ano pasado deuse a circunstancia de que até tres editoriais diferentes recibiron axudas para traducir a mesma novela -O xardín secreto, de Frances Hodgson Burnett. Este ano, a Xunta mostra a vontade de non recuncar nesa falta de rigor, mais faino sen valorar ningún tipo de mérito na realización do traballo, senón priorizando, simplemente, a orde de chegada da solicitude.

"Hai uns dez anos que as axudas son outorgadas desde criterios moi pouco comprensíbeis desde un punto de vista profesional", declara Tobar a Nós Diario. "Pero creo que o máis inxustificábel da convocatoria deste ano é a desaparición dun criterio que se aplica universalmente, o da extensión das obras cuxa tradución se subvenciona. Se concorren dúas obras, unha de 40 páxinas e outra de 800 e ambas teñen a mesma puntuación, recibirán a mesma axuda, o que desvirtúa completamente o sentido destas axudas ".

Tobar acrecenta que o que sucedeu o ano pasado coa Editorial Tegra podería volver ter lugar: "Non se valora a traxectoria das empresas e iso propicia a aparición dunha picaresca que a Administración non debería estimular".

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), cre que a solución pasa por que unha representación da asociación estea presente na comisión que determina cales son os títulos aos que se lles conceden as axudas, ou mesmo na redacción da propia convocatoria.  "Nós somos quen coñecemos as dinámicas de traballo das editoriais e o noso único desexo é ser útiles ao sector e á sociedade en xeral. Creo que coa nosa presenza se solventarían moitos dos problemas que se veñen repetindo ano tras ano".

Até o de agora, o diálogo que a AGE estabelece coa Administración dáse a distancia. "Nós enviamos propostas e eles contéstannos que aceptan algunhas e outras non. Ás veces por motivos puramente administrativos e outras, por razóns que descoñecemos. É posíbel que se ese diálogo se estabelecese desde unha mesa de traballo conxunto, poderiamos aproximar posturas dunha forma moito máis fluída".

Axudar as editoriais ou difundir no exterior a literatura

Unha das reivindicacións históricas do sector é que se fagan convocatorias diferentes para a exportación e a importación de textos literarios, é dicir, para a tradución doutras linguas ao galego e do galego a outras linguas, dúas realidades diferenciadas, con condicionantes moi diferentes. Coa intención, presuntamente, de difundir no exterior a literatura galega, a convocatoria estabelece que se o orixinal é dunha autora ou autor galegos recibirá máis puntuación que se é do resto do Estado ou doutros países. Mais o que se propicia é que algúns dos máis beneficiados sexan proxectos que traducen ao galego obra de autores nacidos na Galiza e que escriben en castelán. "A convocatoria está ateigada deses pequenos desaxustes que estimulan o intrusismo e a picaresca", resume Tobar.

 
 
[Fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário